POLÍTICA, XUSTIZA · · 2 min de lectura

Katz e Musk, de quen é o ceo?: Perigo, sorrisos.

Róubanlles a infancia, róubanlles a vida, róubanlles esas pequenas cousas que lles permiten un instante de felicidade, un indicio de sorriso.

Katz e Musk, de quen é o ceo?: Perigo, sorrisos.

Sitúense. Un campamento fabricado a base de lonas e desesperanza. Un grupo de nenos rebuscan anacos de corda, canas e un anaco de tea rota. Logran a súa meta: facer un papaventos.

Os nenos, entusiastas, saen correndo para botala a voar. Un berro de terror perségueos. Son os seus pais, que lles arrebatan a súa alegría e o seu esforzo rompéndolles o artefacto voador. A cambio, tratan de evitar  que sexa a vida dos seus fillos a que se rompa.

Un neno, un sorriso e un papaventos son para Katz, ministro de Defensa israelí, un inmenso perigo. A súa ameaza non deixa lugar á dúbida: os papaventos serán tratados como drons, “con ou sen explosivos”, todo lanzamento será considerado “un acto de terrorismo” e “recibirá unha resposta contundente contra os responsables, os organizadores e perpetradores”.

Diario de Pontevedra, 31/08/2026

Todo iso despois de comprobar que ningún dos papaventos feitos por “eses tolos baixiños” -que diría Serrat- levaba carga explosiva.

Róubanlles a infancia, róubanlles a vida, róubanlles esas “pequenas cousas” que lles permiten un instante de felicidade, un indicio de sorriso.

O ceo deixa de pertencer á humanidade, para converterse nun ben de uso privativo, en obxecto de propiedade por parte de quen se arroga o dereito para decidir quen pode levantar a cabeza para mirar as estrelas e quen non.

E falando de estrelas: nese mesmo ceo, unha constelación de satélites rodea o noso planeta. Datos de Look Up/Le Point, de xuño de 2026, contabilizaban 15.711 satélites activos.

Starlink, a empresa de Elon Musk, é propietaria de 10.365 dos devanditos satélites. Dous terzos do total. Aos que habería que sumar os pertencentes a Starshield, tamén propiedade de Elon Musk.

Supostamente, os satélites de Starlink dedícanse principalmente a proporcionar acceso a Internet de banda larga. Os de Starshield están orientados a clientes gobernamentais e a seguridade nacional. Pero ambas as redes poden sumarse e ofrecer os seus servizos a quen o seu dono decida.

Ao ver o ceo, xa non me acordo de «O Principiño» cando dicía: «Ti, só ti, terás estrelas que saben rir». Máis ben, teremos que lembrar  “a noite de Walpurgis”, que, segundo a tradición, é a noite en que as bruxas voaban en escobas cara ao monte Brocken (Alemaña) para reunirse co diaño.

Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.