ESTADO DO BENESTAR, IGUALDADE, POLÍTICA · · 2 min de lectura

Feijóo: ”Ao lado dos meus compatriotas?”

Feijóo: ”Ao lado dos meus compatriotas?”

Con motivo da crise de Ceuta, Feijóo manifestábase así hai uns días: “Eu si defenderei as fronteiras do meu país. Eu si me poñerei ao lado dos meus compatriotas”.

Deixarei aparte as palabras do líder do PP acerca da defensa das fronteiras, aínda que, ao preguntárselle que faría el, só puido contestar cun “eu non me iría de vacacións”, amén dalgunha das súas propostas contrarias á lexislación vixente no noso país.

O que si quero poñer en dúbida é o concepto mesmo de patriotismo. Porque se patriotismo significa poñerse ao lado dos compatriotas, poderiamos citar unha listaxe de ocasións en que Feijóo non o fixo.

Falariamos por tanto dun patriotismo, “Feijóo style”?, que non ten tradución en temas que a un gobernante debesen preocuparlle sequera coa mesma intensidade que as fronteiras. Falemos dalgúns deles.

Diario de Pontevedra, 06/09/2026

Non se pon ao lado dos seus compatriotas pensionistas cando se posicionou en contra de que as pensións subisen, polo menos, en función do incremento do IPC. Lembremos a falsidade na que caeu Feijóo cando na entrevista con Silvia Intxaurrondo afirmaba que o PP “nunca deixou de revalorizar as pensións conforme o IPC”. Cabe lembrar que no ano 2013 o PP desligou as pensións do IPC e chegou a fixar subidas mínimas do 0,25% independentemente da inflación.

Non se pon ao lado dos seus compatriotas cando rexeita a subida do salario mínimo que subiu un 54% desde a entrada do actual goberno no ano 2018. As súas palabras: “o incremento indiscriminado do Salario Mínimo Interprofesional o único que conleva é esforzo salarial das empresas, esforzo impositivo dos traballadores e recadación para o Goberno”.

Non se pon ao lado dos seus compatriotas cando defende a privatización progresiva do Sistema Sanitario, como ben se pode apreciar alá onde gobernan. E o mesmo podemos dicir da aposta do PP a favor de incrementar a educación privada en detrimento do Sistema Educativo Público. En ambos os dous asuntos, a comunidade de Madrid, con Ayuso á fronte, é un caso paradigmático.

E o devandito non resta un chisco á miña empatía coa cidadanía de Ceuta, vítimas reais dun episodio deplorable. Creo que desde o goberno téñense cometido erros, que hai cuestións que non se estiveron resolvendo coa dilixencia debida, aínda entendendo que falamos dun caso difícil e complexo, con grandes implicacións legais e de defensa dos dereitos humanos.

Por certo, unha situación que tampouco parece contar co patriotismo dun Feijóo que, pese ao mandato legal, aparenta observar de bo grado como as comunidades onde gobernan opóñense a ser parte da solución.

Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.