DEMOCRACIA, POLÍTICA · · 2 min de lectura

Isabel, San Agustín e Horacio: «Ayuso locuta, causa finita»

Ela é a autoridade máxima: «Está en venda. Chao pescao!».

Isabel, San Agustín e Horacio: «Ayuso locuta, causa finita»

Retrocedamos no tempo. Século V da nosa era. Convulsión no catolicismo por culpa das teses de Pelagio, monxe británico, que defendía a tese de que o pecado orixinal non se herdaba, que todas as persoas nacían libres de calquera tipo de mancha herdada.

Levado o asunto a Roma, o papa Inocencio I condenou as teses de Pelagio no ano 417 e, posteriormente, no Concilio de Cartago, ano 418, ratificouse esa condena sinalándoa como herexía. San Agustín de Hipona era o gran adversario de Pelagio, defendendo a doutrina de que o pecado orixinal si que se transmite a toda  a humanidade.

Diario de Pontevedra, 27/08/2026

Podemos imaxinarnos a San Agustín, unha vez coñecida a postura de Roma, soltar a súa famosa frase: «Roma locuta, causa finita» (Roma falou, caso pechado).

Ben, vale, parece que a frase literal non está confirmada, pero sintetiza a súa postura  perfectamente e así pasou á historia.

Pois ben, Isabel Díaz Ayuso, a inefable e incombustible presidenta da Comunidad de Madrid, parecese que quixo facer un remedo do Pai da Igrexa e, por non usar a cita de modo literal, transformouna no enxebre: «Está en venda. Chao pescao!».

Isto é, «Ayuso falou, acabouse a causa».

Creo que non é necesario sinalar o contexto da frase. Permítanme dar por coñecido o asunto da compra dese ático de superluxo, co obxecto de convertelo en oficinas, pero que non podía usarse para oficinas.

E, xa neste punto, convido aos lectores para fixarse ben no devandito pola política madrileña porque doutro xeito corremos o risco de perdernos algo esencial. O detalle, nada sutil, de que Ayuso, a diferenza de Agustín, pecha o caso apelando unicamente á súa propia persoa, a ela mesma.

Reparemos en que San Agustín dá o caso por pechado –causa finita– cando, non el senón Roma –Roma locuta-, sentencian sobre o asunto en cuestión: a herexía de Pelagio. Só nese momento atrévese a dicir que o asunto queda resolto.

Pola contra, a señora Ayuso non invoca ningunha autoridade externa para pechar o caso. Ela é a autoridade máxima: «Está en venda. Chao pescao!».

E esa mesma falta de rendición de contas ante ninguén é a que lle permite, con idéntica desenvoltura, despachar calquera crítica que reciba: «Cando che chaman fascista, sabes que o estás facendo ben… estás no lado bo da historia». Nin o ático nin a afronta necesitan, para ela, máis tribunal que o seu propio.

Recomendaría á presidenta Ayuso cambiar a San Agustín polo poeta romano Horacio quen, na súa Ars Poetica, dicía: «Adhuc sub iudice lis est» (A disputa aínda está pendente de xuízo).

Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.