“Tontócrata” porque defende gravar a riqueza dos multimillonarios ao tempo que afirma que “a riqueza extrema é unha ameaza existencial para a nosa economía e a nosa democracia” e pretende un goberno que traballe para a xente e non para “Elon Musk, Donald Trump e os seus amigos multimillonarios”.
“Tontócrata” porque defende unha sanidade pública e universal, “Medicare for All”. Un seguro sanitario público garantido para cada estadounidense, “dende o berce ata a tumba”.

“Tontócrata” porque califica as atrocidades de Israel en Gaza como un xenocidio e sostén que o diñeiro gastado en conflitos que benefician a Israel debería investirse nas comunidades locais de EE.UU. para atender problemas de sanidade, vivenda e infraestruturas.
“Tontócrata” porque pretende desmantelar o ICE, ese servizo de axentes enmascarados e de gatillo fácil de Trump, porque “o ICE consiste en normalizar a forza paramilitar nas nosas rúas” e “non se pode readestrar. O ICE hai que abolilo”.
“Tontócrata” porque pretende eliminar as aportacións das grandes corporacións ás campañas electorais. De feito presentouse como “o único candidato ao Senado por Michigan que nunca aceptou nin un centavo de diñeiro corporativo, e nunca o fará”, cunha campaña, dicía, “100% financiada por xente coma ti, non por corporacións nin aspirantes a oligarcas”.
Abdul El-Sayed ven de gañar as primarias do Partido Demócrata para o Senado no estado de Michigan e a Trump non lle faltou tempo para alumbrar a palabra “Dumocrats” e así calificar a El-Sayed e a todos aqueles que defenden as súas ideas. “Dumocrats”, xogo de palabras de “dumb=tonto/parvo” e o sufixo “ócratas”.
Queda nas vosas mans xulgar se estades ou non de acordo co apelativo de “tontócratas” para aqueles que debecen por un mundo máis xusto, igualitario e en paz.
A verdade é que Trump non se conformou con iso de “tontócrata”, ademais agasallou a El-Sayed cos apelativos de “home de odio”, “comunista perdedor” e “cheo de merda”.
Non estaría demais recordarlle a Trump que “dumb” tamén ten o significado de “mudo” e que calara dunha vez.
Sinto Donald, pero a min si que me vai gustar este “tontócrata”.