← Volver ao inicio
POLÍTICA · · 2 min de lectura

Por que demo o pato Donald quere cazar ao León?

A película deixa de ser unha metáfora visual para converterse nunha lectura do poder: non destruílo, senón apropiarse do seu símbolo, da súa autoridade, do seu papel.

Por que demo o pato Donald quere cazar ao León?|A película deixa de ser unha metáfora visual para converterse nunha lectura do poder: non destruílo, senón apropiarse do seu símbolo, da súa autoridade, do seu papel.

Imaxínense unha animación clásica de Disney. Música de fondo. Pomposa. Esaxerada. Creando unha atmosfera a un paso do ridículo. Fanfarria.

Escena primeira. Primeiro plano: o pato Donald.

Pero non vestido como sempre. Non co seu clásico estilo mariñeiro. Porta o atavío dun cazador de postal colonial: salacot impecable, prismáticos relucentes, botas demasiado limpas para pisar barro. E o rifle. Ah, o rifle. Desproporcionado. Ridículo. Máis grande que el. Coma se necesitase apoiarse nel para parecer algo que non é, pero que quixese ser.

Diario de Pontevedra, 20/04/2026

Todo nel é excesivo e fatuo. Todo nel é impostura. Engreimiento sen fundamento.

Detense. Otea. Entrecerra os ollos. Axusta o enfoque. Respira fondo. Como quen imita aquilo que viu facer a outros mil veces.

E entón o ve: O león.

Inmóbil. Soberano. Sen xesto. Sen esforzo. Non necesita demostrar nada. Non necesita parecer. Simplemente é.

O contraste é insoportable. Donald súa. Traga saliva. Recolócase o chapeu que lle queda grande. Moléstalle. Pésalle. Todo lle pesa. Incluso o papel que intenta interpretar.

Levanta o rifle. Pero non é por fame. Non é por necesidade. Nin sequera é por vaidade. É algo máis turbio. Máis incómodo. Máis reconocible. É a perfecta combinación de envexa e ambición desmedida.

Non quere a súa pel. Non quere a súa cabeza. Non quere o trofeo. Quere outra cousa. Quere o seu lugar. Quere a autoridade sen esforzo. Quere a obediencia sen discusión. Quere a aura que non se fabrica… pero que el cree poder comprar ou impoñer.

Aperta o gatillo. Silencio. Fundido a negro.

E entón —só entón— entendemos que non era o pato Donald.

Era Donald Trump.

E o león non era un león.

Era o Papa. León XIV.

E todo deixa de ser fábula.

Porque non estamos ante un intento de destruír unha institución, nin sequera de desafiala. Iso sería demasiado directo, demasiado honesto.

Do que se trata é de algo máis basto: ocupala sen comprendela, vestila sen merecela, utilizala como escenario para unha representación oca e de pleno desvarío.

Non derrubar o poder espiritual, senón parasitalo. Non cuestionar a súa lexitimidade, senón apropiarse do seu prestixio. Non elevarse ata el, senón rebaixalo ata que caiba no personaxe.

Como Iznogud, si. O Gran Visir que quería ser o Califa en lugar do Califa. Pero sen chiste. Sen caricatura que permita rirnos tranquilos.

A película deixa de ser unha metáfora visual para converterse nunha lectura do poder: non destruílo, senón apropiarse do seu símbolo, da súa autoridade, do seu papel.

Ser califa en lugar do califa. E, o máis inquietante de todo, actuar coma se xa o fose.

The End. Acabou a función. Pero el segue aí.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.