← Volver ao inicio
DEMOCRACIA, FILOSOFÍA, POLÍTICA · · 3 min de lectura

«O público pantasma»: tambores de guerra e incremento do fascismo

«O público pantasma»: tambores de guerra e incremento do fascismo

Corría o ano 1925 cando Walter Lippmann publicaba a súa obra “The Phantom Public” (“O público pantasma”). Se hoxe Lippmann levantásese da súa tumba, veriamos na súa cara un irónico rictus de triunfo diante do estado actual das cousas. O mundo, si, este mundo de algoritmos que nos trasladan as decisións tomadas en cubículos secretos, lonxe do vocerío da xente común, non faría outra cousa que confirmar a súa tese de que o gran público non é outra cousa que un público pantasma.

Diario de Pontevedra, 23/04/2025

Para Lippmann, a cidadanía, o público, non é máis que unha entidade ilusoria, unha auténtica “pantasma” que nin inflúe nin debe influír na política. Non existe a figura dunha cidadanía soberana, competente e participativa, porque a maioría non ten o coñecemento nin o interese necesario para implicarse na toma de decisións.

Xa abonda da falsidade dunha democracia deliberativa. Un goberno eficaz e eficiente precisa xestores expertos que tomen o temón e decidan por un público convertido en meros actores pasivos que reaccionan diante das medidas adoptadas, pero con nula influencia sobre elas. O pobo, asevera Lipmann, a nivel xeral, é de seu irracional, incapaz de discernir e planificar o bo e o malo para a comunidade, a través de criterios fundados.

Lippmann observaría con ampla satisfacción a deriva dunha sociedade na que oligarcas multimillonarios e tecnócratas exhiben o seu poder de forma abraiante e sen ningún pudor. Unha democracia de índices bolsistas, de debates falsamente fabricados e con finais definidos de antemán. Unha democracia na que os actores, o público pantasma, entra na escena cando todo xa foi escrito.

Arrinconada queda a resposta a Lippmann que no seu día lle lanzou John Dewey en defensa dunha democracia participativa. No seu libro “The public and its problems” (“A opinión pública e os seus problemas”), Dewey, filósofo e pedagogo, entende á cidadanía como seres educables e capaces de intervir racionalmente nos debates públicos a través dos leitos adecuados de comunicación e participación.

O actual escenario estadounidense sería visto por Dewey como unha gran traizón ao seu ideal de democracia deliberativa e participativa. En contraste con Lippmann que percibe á cidadanía como un escollo, Dewey era un firme defensor da capacidade dos cidadáns para educarse, organizarse e tomar decisións informadas.

Non son poucos os libros e artigos que hoxe en día se publican alertando do perigo que axexa á democracia ou mesmo anunciando o seu fin. Confiemos en que a fogueira de Dewey conte cos suficientes rescoldos (movementos cidadáns, activistas, xente de ben, …) que permitan avivar a chama dunha democracia plena e así poder desafiar o dominio das elites e reescribir o guion dunha película que non presaxia un bo final, salvo para eles.

Lembremos que Lippmann escribiu a súa obra influenciado polos ecos da Primeira Guerra Mundial e a escalada dos movementos fascistas. Tambores de guerra e incremento do fascismo. Algo que en toda Europa sóanos a moi actual, non si?

A socialdemocracia ten unha gran tarefa por diante, non cabe unha actitude pasiva de esperar a que pase a onda. Pero non esquezamos que a defensa da democracia, evitar que acabe convertida nun falso ritual, é tarefa de todas e todos.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.