← Volver ao inicio
DEMOCRACIA, ESTADO DO BENESTAR, FILOSOFÍA · · 2 min de lectura

O Gran Apagamento: o mundo a oscuras, a razón en ruínas

O Gran Apagamento: o mundo a oscuras, a razón en ruínas

O luns, ás 12:30 do mediodía, España e Portugal sumíronse na negrura absoluta. Un apagamento eléctrico sen precedentes deixou a millóns de cidadáns sen luz, sen internet, sen televisión, sen semáforos, sen trens. A Península Ibérica, nun instante, quedaba convertida nun escenario de sombras e desconexión.

Diario de Pontevedra, 5/05/2025

Foise a luz e con ela os móbiles convertíanse en trastes inútiles e as neveiras en cadaleitos de comida perecedoira. Sen internet desapareceron os “me gusta” e lamentámonos de non atopar o noso vello transistor a pilas.

Escuridade total! Todos envolvidos nunha mesma suor fría, mirándonos uns a outros cunha expresión de “e agora que?”.

Quedaba a vida sumida nunha penumbra que non só era eléctrica, senón tamén mental. A tecnoloxía fíxonos cada vez máis vulnerables, pero tamén intelectualmente máis indolentes.

A soberbia de quen criamos vivir nunha sociedade avanzada quedaba feita cachizas. Pero a gran pregunta segue flotando entre a néboa. Canto tempo levamos apagados sen darnos conta?

Manuel Cruz xa nolo anunciou. Fai tres anos, no seu magnífico ensaio “El Gran Apagón”, o filósofo avisábanos de que o problema da nosa sociedade non era o colapso duns xeradores, senón o apagamento da razón, o apagamento do pensamento. Máis que un libro, un berro profundo a cada un de nós advertíndonos de como a distracción dixital estaba a roubarnos a lectura reflexiva, o diálogo enriquecedor, o debate respectuoso, o pensamento racional.

Se o século XVIII foi o Século das Luces, o século XXI sería o Século da Eclipse da Razón. Co seu libro, Cruz convídanos a reflexionar acerca de como o pensamento crítico afógase baixo o estrondo das redes sociais, como a razón apágase a unha velocidade maior que a batería do noso móbil.

Para o retorno á razón propónsenos unha solución: rexenerar o diálogo, recuperar a controversia crítica, reconstruír o pensamento racional. No gran apagamento da rede eléctrica os expertos indican a conveniencia de auditorías, comisións de investigación, axustes na xestión enerxética, medidas de seguridade, todo iso para evitar futuros episodios. Como se ve, en ambos os casos, razón e electricidade, a solución é a mesma: volver acender a luz.

Con lámpada eléctrica ou con velas, reflexionemos achega do rumbo que está a tomar a nosa sociedade. Porque o problema non é que se vaia a luz, o problema é que, ao volver, seguimos sen ver nada.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.