DEMOCRACIA, POLÍTICA · · 2 min de lectura

«Good System»

Democracia Premium: vaise acabar con esa tontería de que todos e todas poidan votar.

«Good System»

Así é a Democracia Premium para o home que posúe o 40% dos votos da súa empresa: Good System, Bo Sistema.

Tobi Lütke, CEO de Shopify, cualificou deste xeito unha proposta realizada na rede social de Elon Musk, por parte de Eric Thor (exdirectivo de TDBank), que propoñía ponderar o voto de cada cidadán segundo o imposto sobre a renda pago. Cero votos para quen non pague nada, e ata cinco votos se pagas 500.000 dólares ou máis ao ano.

Diario de Pontevedra, 22/08/2026

E Lütke non se contentaba con avalar a tese de Thor: da súa propia colleita defendía a idea de que os xubilados con pensión garantida non puidesen votar -coma se fosen menores de idade-, porque o voto só debera ser para aqueles que se xogan algo no futuro.

Lütke e Thor non están sós. Empezan a ser lexión aqueles que defenden e promocionan deturpar o sistema democrático eliminando, dun ou doutro xeito, dereitos á cidadanía.

Jason Brennan, autor de “Contra a democracia”, avoga pola “epistocracia”, o poder debe estar en mans dos máis competentes. A súa opción preferida é que vote todo o mundo, pero corrixindo daquela o resultado en función do que quererían os votantes se estivesen ben informados. Baralla tamén outros posibles sistemas, por exemplo, superar un exame de competencia electoral. Brenan, iso si, traballa con máis finura: debate, dubida e ata chega a admitir que ese exame beneficiaría sobre todo a homes brancos, educados e de clase acomodada.

O paradoxo entre ambos os sistemas é evidente. Un profesor xubilado podería ser un experto para Brennan e non valer nada para Lütke. Un millonario, podería ser un completo ignorante en política, e non poder votar con Brennan -o seu criterio é o saber, non o ter-, mentres que con Lütke tería o máximo número de votos. Esa sería a epistocracia mal fotocopiada de Lütke, a que queda en plutocracia.

Peter Thiel, cofundador de PayPal, accionista de Facebook e fundador de Palantir (a plataforma usada, entre outros, pola CIA, o FBI e o ICE), manifesta sen pudor que non cre “que a liberdade e a democracia sexan compatibles. Desde 1920, o aumento masivo dos beneficiarios do estado de benestar e a extensión do dereito ao voto ás mulleres, dous grupos notoriamente difíciles para os libertarios, converteron a noción de ‘democracia capitalista’ nun oxímoron”.

Curtis Yarvin, ideólogo da “Ilustración Escura”, ligado, entre outros, a Stephen Bannon, estratego político de extrema dereita e antigo asesor de Trump, afirma que “se necesita unha ditadura corporativa para substituír a unha democracia errada”. Non lle chega un monarca, quere un CEO-monarca.

Vota se tes diñeiro -canto máis mellor-, vota se es listo -alguén decidirá se o es-, vota se es home -mellor branco-, pero vaise acabar con esa bobada de que todos e todas poidan votar.  E ollo cos clercs. Así denomina Anne Applebaum -tomando o nome de Julien Benda- aos intelectuais que constrúen a xustificación culta e teórica para tales desmáns.

Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.