← Volver ao inicio
POLÍTICA · · 2 min de lectura

Gaza: “O noso Xenocidio”, lume contra a luz do Tikún Olam

De precepto para reparar o mundo a Mandamento de Morte

Gaza: “O noso Xenocidio”, lume contra a luz do Tikún Olam|De precepto para reparar o mundo a Mandamento de Morte

Quizais non saibamos sinalar as coordenadas exactas de Gaza, quizais porque esa referencia xa non se pode expresar en graos, minutos e segundos, senón en cadáveres, ruínas, fame e morte.

A tradición rabínica, a mística xudía e a Cábala remítennos a un Tikún Olam, ese ideal de reparar o mundo. Pero cando esta expresión acompáñase da palabra Gaza, enfrontámonos ao mellor exemplo que hoxe poderiamos ensinar nas escolas como definición de oxímoron.

«Convertiron o Tikún Olam —ese precepto que convida a reparar o mundo—en Mandamento de Morte»

Segundo a Cábala, o universo parte dun recipiente que se fracturou ao non poder conter a Luz Divina. O Tikún Olam representa as boas accións e o cumprimento dos preceptos como argamasa que permite reparar os fragmentos rotos dese depósito cósmico. Hoxe, ese precepto é invocado por un Goberno que aplica o seu reverso máis tenebroso.

Hai poucos días a organización israelí B’Tselem publicou un informe acusando o Goberno de Israel de estar a perpetrar un xenocidio na Franxa de Gaza. O seu título non pode ser máis revelador: “O noso Xenocidio”.

Ese berro desgarrador, “O noso Xenocidio”, nun documento que afirma de forma rotunda:

«Unha análise da política israelí na Franxa de Gaza e as súas terribles consecuencias, xunto coas declaracións de altos cargos políticos e comandantes militares israelís sobre os obxectivos do ataque, leva á conclusión inequívoca de que Israel está a tomar medidas coordinadas e deliberadas para destruír a sociedade palestina na Franxa de Gaza. Noutras palabras: Israel está a cometer xenocidio contra os palestinos da Franxa de Gaza.»
Diario de Pontevedra, 13/08/2025

Yuli Novak, directora executiva de B’Tselem, sinala a longa deriva ata chegar á tráxica situación actual: “décadas de desigualdade sistémica, de goberno militar e de políticas de separación que normalizaron a idea de que os palestinos son refugables”.

Falar hoxe de Gaza evoca o angustioso paradoxo dun Goberno de Israel que masacra sen piedade mentres enarbora ao Deus do Tikún Olam, o Deus que invoca as boas accións como acto ético para a reparación do mundo.

Provocar a morte de nenos e nenas negándolles alimento, ametrallar de forma indiscriminada a un xentío desesperado por levar comida ás súas familias, asasinar a nais, recentemente nados, persoal médico, educadores, xornalistas… Esa é a forma de actuar do Goberno de Israel: converter o Tikún Olam —ese precepto que convida a reparar o mundo—en Mandamento de Morte.

Permítanme pechar con outra frase de Yuli Novak que interpela directamente ao seu propio pobo: “Os israelís crecemos preguntándonos como puido ser e agora o noso país comete un xenocidio en Gaza”.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.