Podería soportar que dixera que non se fían, que non ten contido, que é unha trampa, que é unha manobra de tinte electoralista, que é unha engañifa, que é un puro elemento distractor, pero non. O que afirmou é que iso “é entrar nun debate que ao cidadán non lle interesa”.

Que ao cidadán non lle interesa. Unha frase rotunda referida ao ofrecemento por parte do Goberno dun pacto de Estado sobre a emerxencia climática que todos puidemos escoitar e ler recentemente nos medios de comunicación con ocasión dos grandes incendios que están a devastar o noso país. Unha frase pronunciada por Miguel Tellado, número dous do Partido Popular de Núñez Feijóo.
De verdade este personaxe pode crer que á cidadanía non lle merece consideración un pacto de Estado sobre a emerxencia climática con todo o que está a acontecer -máis lume, máis seca…- e o que aínda pode vir de aquí ao remate do verán. Meigas fóra!
Diría máis, estou convencido de que á cidadanía lle interesaría non só ese pacto de Estado, senón calquera outro que posibilitara que unha gran maioría da cámara puidera, dunha vez, poñerse de acordo nos grandes temas que nos afectan á xente do común.
Creo firmemente que acadar grandes pactos de Estado en materias clave como Sanidade, Educación, Sistema de Pensións, Modelo de Financiamento, debera constituír un obxectivo capital en todo sistema democrático. Algo que, non albergo ningunha dúbida, si que interesa, insisto, si que interesa e moito, á maioría da cidadanía.
Non considero que os pactos de Estado provoquen un desleixo democrático, unha oposición por parte dos votantes. Pola contra, si que creo que unha gran maioría do país devecería por que as grandes cuestións de Estado contaran cun amplo e perdurable consenso entre as forzas presentes nas distintas cámaras autonómicas e estatais.
Non me escondo, son socialista e alguén considerará que estas palabras son discurso de parte. En todo caso, pídolles a aqueles que así o pensen que reflexionen sobre as palabras de Tellado. Non pode ser que un político, o número dous dun partido que conta con posibilidades de exercer o goberno, poida dicir alegremente que un gran pacto das forzas políticas é algo que non interesa.