← Volver ao inicio
LIBROS, MEDIOAMBIENTE · · 3 min de lectura

70º Norte: Acubillando a distopía

70º Norte: Acubillando a distopía

Veño de ler a novela de Xaime Toxo, “70º Norte”, recén saída do forno. Unha obra na que podemos ler na súa contraportada, acompañando a foto do seu autor, o seguinte texto:

O colapso social acontece nas grandes áreas metropolitanas indiferentes ao que non sexa o seu propio ritmo desaforado de desenvolvemento.

Unha praga contaxiosa con matices de maldición bíblica, leva á civilización postindustrial aos límites da desaparición. No medio dunha extinción, sen conciencia do perigo, un pequeno grupo intúe que o paradoxo da salvación radica nas persoas que permaneceron illadas nos remotos contornos dunha natureza tan implacable como imprescindible.

A Colonia é como denominan o campamento nómade onde viven. Moverse cara ao norte non é unha opción, senón unha condición de supervivencia.

A miles de quilómetros do ruído das urbes, o destino da especie humana está en saberse unha parte máis do planeta que habita”.

Xa que logo, e de forma nidia, albiscamos que a recente pandemia provocada pola COVID foi o punto de partida que deu orixe a esta novela. Rematada a lectura, coloquei distraidamente o libro nun andel e foi nese instante cando me decatei que, por cuestión de meigas ou por simple azar, ficou a carón da obra de Bruno Latour titulada “Onde estou?”.

Este feito non chamaría a miña atención de non ser porque o texto de Latour é, en palabras do propio autor, “un conto filosófico, a mellor forma, ao meu entender, de sortear a dolorosa experiencia do confinamento para familiarizarnos co cambio de cosmoloxía imposto polo novo réxime climático”.

Alí no andel quedaban, capa contra capa, dúas obras nas que a recente e dolorosa experiencia da pandemia exerce un gran papel protagonista. Cadraron xuntos un principio e un final. Un principio, “70º Norte”, a primeira novela de Xaime Toxo. Un final, a derradeira obra escrita por Bruno Latour, o gran filósofo e sociólogo francés, o seu testamento literario inspirado en “A metamorfose” de Kafka.

Xaime Toxo sitúanos nun mundo distópico, frío e duro. A pesares de transcurrir gran parte da mesma a campo aberto, tórnase claustrofóbica e anguriante. Non hai concesións á esperanza. Basta ler a reflexión do protagonista principal acerca desta verba:

-Esperanzas- musitou a palabra cun ton amargo.
Supoñía un desexo ou unha renuncia? En calquera caso, desconfiaba daquela palabra e intentaba non usala; posuía a armazón dunha trampa, con zonas escuras de enganos que o condenaban a melancolías innecesarias.

Como o gran poeta que é, Toxo compón unha obra pausada, coa paciencia dun orfebre da palabra, que esixe unha lectura vagarosa e diletante. De certo que o filósofo Rob Riemen indicaríanos a necesidade dunha lectura “par coeur”, facendo referencia a que “para ter coñecemento dun texto fai falla que se convirta en parte dun mesmo, é dicir: que sexa parte do noso corazón”.

Ao igual que acontece no texto de Latour, Xaime Toxo convirte a súa narración nun atroz bruído co que quere chegar ao fondo da conciencia da humanidade para que esa esperanza esvaída na novela xurda do compromiso de cada lector. Esa é a súa forma de acubillar a distopía.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.