Trump 0,5% vs 5% Que seguridade é máis urxente?

Podémonos imaxinar a Donald Trump nunha sala do Pentágono rodeado de fieis que en lugar de presumir de gravatas locen quilos de medallas. Alí, como quen preside un luxoso casino, Trump vocifera como un poseso contra os socios europeos e reclámalles unha cota inasumible, a cota que lle dá a real gana, simplemente porque se ve co poder de esixila.
Mentres, no seu propio país, millóns de estadounidenses sobreviven con cupóns de comida, sen seguro médico, sen capacidade de realizar un proxecto de vida, sen unha vivenda digna, sen acceso a unha educación de calidade.

«Que seguridade é máis urxente? A que se mide en tanques ou a que se constrúe con bolsas, vivendas dignas, sanidade eficiente e salarios decentes?»
Falamos do país máis poderoso do mundo. O país ao que, como indica o sociólogo Matthew Desmond, bastaríalle empregar o 0,5% do seu PIB para erradicar a pobreza. Non para paliala, para erradicala. Vivenda, educación, sanidade, servizos básicos, pero ese obxectivo non entra na mente de Trump.
Para quen viaxa comodamente no seu Air Force One, erradicar a pobreza non xera contratos, non dispara os valores en Bolsa, non incrementa o valor do Trumpcoin. Erradicar a pobreza non atende aos intereses das súas excelsas amizades, os señores da guerra. Raytheon, Lockheed, Northop, nomes que soan a nobreza, pero que o que fan é construír bombas, radares, drons, avións de combate, …

Trump non quere saber nada que teña que ver coa xustiza e a equidade. Fronte á seguridade social, Trump defende a seguridade con tanques e mísiles. Detesta o resplandor da xustiza social, prefire o brillo do titanio nos aleróns dos seus mísiles.
Pero a Trump non lle basta con vivir no obsceno paradoxo dun país que cunha propina do gasto do Pentágono podería borrar todo rastro de pobreza. Trump pretende exportar o modelo. E os seus diatribas contra España son o mellor exemplo.
Segundo o informe realizado polos Técnicos do ministerio de Facenda (Gestha), alcanzar en tres anos o 5% de gasto en defensa que pretende impoñer o plutócrata de Trump significaría un gasto de 107.000 millóns de euros. Para facerse unha idea, e por poñer un par de exemplos, o gasto de España en Sanidade é de 90.000 millóns e o de Educación de 70.000 millóns.
Cun sistema educativo tensionado, unha sanidade que aínda arrastra as secuelas da pandemia e unha desigualdade que non decrece, pedir un esforzo orzamentario desa magnitude é, como mínimo, unha provocación.
De onde sacamos os 107.000 millóns?, recortamos?, en sanidade, en educación, en axudas sociais, en pensións?, subimos os impostos? Neste último caso, o cálculo daría unha cifra entre os 2.500 e os 3.000 euros por fogar e ano. Xa é bastante difícil cadrar as contas, como para ademais financiar os caprichos estratéxicos doutro. Ben por un goberno que sabe plantar cara.
A gran pregunta: Que seguridade é máis urxente? A que se mide en tanques ou a que se constrúe con bolsas, vivendas dignas, sanidade eficiente e salarios decentes?