Presupostos: «¿dónde estabas entonces?»

«¿Dónde estabas entonces cuando tanto te necesité?», así comeza a letra de «Insurrección», a coñecida canción de Manolo García, que de forma instantánea veume á mente cando lía a rolda de prensa do Partido Popular acerca das emendas que presentan aos Presupostos Xerais do Estado (PXE polas siglas en español) para o ano 2023.

Diario de Pontevedra, 3/11/2022

A razón de tal asociación non é unha casualidade, a min tocoume estar presente como deputado no período de maioría absoluta do Partido Popular no Congreso. Tamén nos anos nos que o seu presidente, Mariano Rajoy, presumía do milagre económico de España que alcanzaba o seu culmen na presentación dos PXE para o ano 2018.

Naqueles PXE, os do 2018, os cualificados polos populares, insisto porque me parece relevante, como os do milagre económico de España, destinábase para investimentos na nosa provincia a cantidade de 160,13 millóns de euros. Naquel ano as deputadas e deputados pontevedreses do PP aplaudían con forza estes PXE a pesar de que ademais tamén eran os orzamentos do ínfimo incremento do 0,25% nas pensións, da consolidación dos recortes nos Sistemas Públicos de Educación e Sanidade, ou do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) en 735,90 euros.

Os PXE para o ano 2023 destinan para investimentos na nosa provincia a cantidade de 249,53 millóns de euros, e non, non conto aquí os 38,5 millóns dos Fondos de Compensación para o Gran  Montecelo (cuestión sobre a que non entrarei por habelo escrito nun recente artigo publicado neste mesmo medio).

Así pois, 249,53 millóns nos PXE-2023 fronte aos  160,13 dos PXE-2018. Isto é, un incremento no investimento na provincia de Pontevedra dun 55% a pesar de ser un ano no que este país trata de remontar a crise socioeconómica que nos leva azoutando global e gravemente ao planeta provocada pola pandemia e a guerra de Putin (á que poderiamos sumar o volcán dA Palma ou os desastres, grandes incendios,  provocados polo cambio climático).

E uns PXE de 2023, que aínda nesas condicións, afronta o maior gasto social da historia e a clara aposta polo Estado do Benestar como manto protector da cidadanía, en especial da máis vulnerable. Con eses obxectivos, as pensións incrementaranse segundo o IPC, ao redor do 8,5%, fronte ao 0,25% do ano 2018. O SMI está xa en 1.000 euros e estase a estudar a próxima subida que o poña no 60% do salario medio. Os orzamentos de Sanidade increméntanse un 145% e os de Educación, un 62%. Do incremento do Ingreso Mínimo Vital (IMV) non falamos porque, como todo o mundo sabe, dividir por cero dá como resultado infinito; lembremos que o IMV como dereito non se implantou ata que o goberno de Pedro Sánchez o fíxo efectivo no ano 2020.

Un detalle, nos PXE-2023, só co investimento dun ministerio, o Mº de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Grupo MITMA), que destina á nosa provincia 164,5 millóns de euros de investimento, supérase o conxunto do orzado nos PXE-2018 para a nosa provincia, ano no que Rajoy reivindicaba a gran recuperación económica como patrimonio do seu partido.

Por iso, cando escoito os calificativo aos PXE-2023 das deputadas e deputados do Partido Popular da provincia de Pontevedra, non podo menos que preguntarme: onde estabades entón?, que aplaudiades?

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *