«O público pantasma»: tambores de guerra e incremento do fascismo

Corría o ano 1925 cando Walter Lippmann publicaba a súa obra “The Phantom Public” (“O público pantasma”). Se hoxe Lippmann levantásese da súa tumba, veriamos na súa cara un irónico rictus de triunfo diante do estado actual das cousas. O mundo, si, este mundo de algoritmos que nos trasladan as decisións tomadas en cubículos secretos, lonxe do vocerío da xente común, non faría outra cousa que confirmar a súa tese de que o gran público non é outra cousa que un público pantasma.

Diario de Pontevedra, 23/04/2025

Para Lippmann, a cidadanía, o público, non é máis que unha entidade ilusoria, unha auténtica “pantasma” que nin inflúe nin debe influír na política. Non existe a figura dunha cidadanía soberana, competente e participativa, porque a maioría non ten o coñecemento nin o interese necesario para implicarse na toma de decisións.

Xa abonda da falsidade dunha democracia deliberativa. Un goberno eficaz e eficiente precisa xestores expertos que tomen o temón e decidan por un público convertido en meros actores pasivos que reaccionan diante das medidas adoptadas, pero con nula influencia sobre elas. O pobo, asevera Lipmann, a nivel xeral, é de seu irracional, incapaz de discernir e planificar o bo e o malo para a comunidade, a través de criterios fundados.

Lippmann observaría con ampla satisfacción a deríva dunha sociedade na que oligarcas multimillonarios e tecnócratas exhiben o seu poder de forma abraiante e sen ningún pudor. Unha democracia de índices bolsistas, de debates falsamente fabricados e con finais definidos de antemán. Unha democracia na que os actores, o público pantasma, entra na escena cando todo xa foi escrito.

Arrinconada queda a resposta a Lippmann que no seu día lle lanzou John Dewey en defensa dunha democracia participativa. No seu libro “The public and its problems” (“A opinión pública e os seus problemas”), Dewey, filósofo e pedagogo, entende á cidadanía como seres educables e capaces de intervir racionalmente nos debates públicos a través dos leitos adecuados de comunicación e participación.

O actual escenario estadounidense sería visto por Dewey como unha gran traizón ao seu ideal de democracia deliberativa e participativa. En contraste con Lippmann que percibe á cidadanía como un escollo, Dewey era un firme defensor da capacidade dos cidadáns para educarse, organizarse e tomar decisións informadas.

Non son poucos os libros e artigos que hoxe en día se publican alertando do perigo que axexa á democracia ou mesmo anunciando o seu fin. Confiemos en que a fogueira de Dewey conte cos suficientes rescoldos (movementos cidadáns, activistas, xente de ben, …) que permitan avivar a chama dunha democracia plena e así poder desafiar o dominio das elites e reescribir o guion dunha película que non presaxia un bo final, salvo para eles.

Lembremos que Lippmann escribiu a súa obra influenciado polos ecos da Primeira Guerra Mundial e a escalada dos movementos fascistas. Tambores de guerra e incremento do fascismo. Algo que en toda Europa sóanos a moi actual, non si?

A socialdemocracia ten unha gran tarefa por diante, non cabe unha actitude pasiva de esperar a que pase a onda. Pero non esquezamos que a defensa da democracia, evitar que acabe convertida nun falso ritual, é tarefa de todas e todos.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *