Louis van Gaal e o Partido Popular: Unha frase reveladora

«Sempre negativo, nunca positivo» foi unha frase pola que sempre será lembrado o exentrenador do FC Barcelona, Louis van Gaal, e que foi usada até a saciedade no noso país en charlas e tertulias en ton case sempre humorístico. Este non é o caso.

Diario de Pontevedra, 19/07/2023

A candidata a senadora polo Partido Popular, Pepa Pardo, nunha recente entrevista publicada neste medio, á pregunta do xornalista de si non fixera nada ben o goberno de Pedro Sánchez, contestaba do seguinte tenor: «Non me vén nada positivo á cabeza».

Sen dúbida, esta versión de resposta ao estilo Van Gaal é reveladora do que pensa facer o Partido Popular si, obviamente con VOX, obtén o próximo 23-J uns resultados que lle permitan formar goberno, con Feijóo como presidente e Abascal como vicepresidente.

E é unha resposta reveladora porque desvela que o Partido Popular de Feijóo non considera positiva a subida do Salario Mínimo Profesional nun 47%, o que supuxo un incremento de case 5.000 euros ao ano ( multipliquen 735 e 1.080 euros por 14 pagas e calculen a diferenza).

Tampouco contempla como positiva a creación do Ingreso Mínimo Vital, un novo dereito para aqueles que están ou caeron no pozo da pobreza e que deben contar co apoio solidario para poder saír dese lugar. Poderemos dicir que o seu implementación foi dificultosa e que hai que optimizar o seu funcionamento, pero ao cabo é un novo dereito que parece non gustar ao Partido Popular.

Por suposto que nada positiva entende o Partido Popular que foi a indexación das pensións ao IPC, o que supuxo este ano unha subida do 8,5% fronte ao exiguo incremento do 0,25% de Rajoy. Un tema, por certo, no que resulta patético escoitar as declaracións de Núñez Feijóo faltando á verdade de forma continua sobre esta cuestión nas súas intervencións mediáticas.

Que dicir da Lei de Eutanasia, vese que tampouco resulta positiva para un Partido Popular que votou en contra da súa aprobación do mesmo xeito que VOX, partido que a denunciou ante un Tribunal Constitucional que avalou a súa constitucionalidade afirmando que a dignidade humana «demanda aos poderes públicos o deber de habilitar as vías necesarias para permitir a axuda de terceiros en contextos eutanásicos porque doutra forma, podería abocar á persoa a unha morte degradante».

Tamén lle debe parecer negativa ao Partido Popular a subida de mil millóns de euros en Bolsas e Axudas ao Estudo que permiten que a formación dos nosos mozos non dependa do berce no que nazan.

En fin, poderiamos seguir enumerando medidas ben coñecidas por todos, pero creo que calquera lector pode facelo sen demasiado esforzo (Reforma Laboral, ERTES, Sanidade, Educación, Violencia de Xénero,…).

O certo é que a frase de Louis van Gaal si que pode aplicarse perfectamente ao que suporía para o futuro do noso país un goberno dirixido polo dúo Feijóo-Abascal: «Sempre negativo, nunca positivo».

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *