Fray Luis, Don Miguel, a Pandemia e a Dana

«Dicebamus hesterna die» (diciamos onte), é a frase que tradicionalmente se pon en boca de Frei Luis de León o día en que, despois de pasar cinco anos en prisión, retornou ás súas clases de Teoloxía na Universidade de Salamanca.
Miguel de Unamuno tamén recorreu a esta mesma frase cando, na mesma universidade, tras o seu desterro en Forteventura e autoexilio en Francia, pronunciou estas palabras: “Como diciamos onte”.

Temos ben recente na nosa memoria o desdichado episodio da Pandemia. Naqueles días falabamos da necesidade dun estado forte, con músculo suficiente para dar unha resposta rápida e eficaz ás necesidades do conxunto da cidadanía. Esixíase reforzar o noso sistema sanitario público con máis persoal e máis instrumentación clínica. Solicitábase unha provisión de recursos suficiente para dispoñer deles en futuros episodios de desgrazas colectivas. Unhas escolas preparadas para impartir docencia a un alumnado confinado nas súas casas. Millóns de euros para soportar as perdas das empresas e o paro forzoso duns traballadores que vían pechados os seus lugares de traballo.
Agora, coa Dana, volvemos esixir das administracións públicas respostas rápidas e eficaces. E, por suposto, unha resposta económica á voz de xa, que permita contribuír a paliar o desastre que supuxo a perda de vivendas, comercios, industrias, coches e enseres, de tal forma que os afectados poidan refacer as súas vidas no menor tempo posible.
Paradoxalmente, e ao mesmo tempo, escóitanse por todas as partes as chamadas ás baixadas de impostos. Non a que sexan máis xustos, non a que pague máis quen máis ten, non a unha mellor redistribución das cargas. A mensaxe é ben simple: “Baixada de Impostos” e punto.
Unha populista chamada de aires trumpistas, pero asentada no noso país desde os sectores conservadores e neoliberais. Un discurso que, en resumo, busca un estado máis débil e menos solidario. Sen capacidade de resposta e axuda. Con servizos públicos privatizados: o que poida que o pague e, o que non poida, alá coa súa sorte.
Un lema, “Baixada de Impostos”, que así, sen máis, consegue que os máis beneficiados sexan precisamente os que máis teñen. Algo que xa é unha realidade en España e en Europa, aumentan os multimillonarios, increméntase a desigualdade e diminúe a clase media que pasa a sumar efectivos entre as clases máis desfavorecidas.
Quizais nos conviría, como sociedade, lembrar o que “diciamos onte” e, facendo oídos xordos aos cantos de sirena dos que detentan o poder económico, esixir uns impostos que permitan un Estado Solidario, con Servizos Públicos baseados na Equidade e a Excelencia, pero -cuestión innegociable- baixo unha rigorosa redistribución equitativa que consiga que aqueles que máis teñen máis acheguen. Isto último si que lles rechina a máis dun.