¿Educación Pública? Sexa vostede millonario ou un bo patriota ignorante.

Pois iso, sexa vostede millonario, que neste país calquera pode selo e, se non o é, é porque non quere ou non se esforza o suficiente, o cal lle deixa acceso a unha segunda vía, a de converterse nun bo patriota ignorante. Esa parece que sexa a resposta de Trump e Musk a quen leva as mans á cabeza pola decisión destes personaxes de suprimir o Departamento de Educación.

Diario de Pontevedra, 29/03/2025

Ben, polo de agora non pode suprimilo, xa que para iso tería que facelo por vía parlamentaria, pero si que pode desmantelalo progresivamente e esa é a orde que se remitiu a Linda McMahon, Secretaria de Educación, que conta e contará coa axuda da motoserra de Elon Musk para baleirar de persoal e de contido este departamento.

A firma da orde por parte de Trump contou con toda unha liturxia mediática, facéndose rodear de nenas e nenos sentados nos seus correspondentes pupitres. Un alarde de prepotencia e pésimo gusto de quen, con esa firma, pretende borrar dunha plumada a igualdade de oportunidades no sistema educativo.

Porque a supresión do Departamento de Educación supón na práctica un ataque sen precedentes contra a equidade educativa. Os máis prexudicados serán os sectores máis vulnerables e aquel alumnado que conte con algún tipo de discapacidade. Ademais, eliminando os programas de bolsas, cortará o paso ao ensino superior a aqueles colectivos que así verán como un soño imposible o seu acceso ao sistema universitario.

O outro gran obxectivo está claro. A demolición dun sistema público de educación. A premisa é que os fondos públicos non deben financiar en ningún caso un sistema educativo público.

Sexa vostede millonario e non terá problemas no imperio deste Trump neofascista. E, de non chegar a selo, non cometa a impertinencia de ser unha persoa ben formada, sexa vostede un ignorante. Un bo patriota ignorante.

E isto último, o do bo patriota ignorante, non é cuestión baladí. Lembremos que a fortaleza de Trump, segundo sinalan distintos estudos sociolóxicos, reside no voto dos electores homes, brancos e sen estudos superiores de zonas rurais ou periféricas. O de homes e brancos dítao a bioloxía, pero o de sen estudos superiores vai por bo camiño. Tamén entre os votantes latinos e a poboación afroamericana prodúcese esta mesma circunstancia, a maior nivel de estudos menor tendencia a apoiar a Trump.

Afirmaba Trump que o de eliminar o Departamento de Educación “todo o mundo sabe que é o correcto. Logo, temos que educar aos nosos nenos”.

Está claro que o de “os nosos nenos” estará referido aos seus e aos dos seus amigos. En ningún caso aos nenos pobres, afroamericanos, latinos ou discapacitados. A eles agárdalles outro destino, e non precisamente unha escola pública que, en boa dialéctica trumpista, non faría outra cousa que adoutrinalos e lavarlles o cerebro.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *