Volve “escoladeferrado”!

Despois de varios meses nos que este blog estivo en absoluto silencio, poderíase dicir que en situación de total abandono, intento recuperar os folgos para, modestamente, aportar o meu punto de vista nos distintos temas que xorden a cotío arredor da miña peripecia vital e, nomeadamente, aqueles relacionados co meu conxuntural oficio de político.

As razóns que motivaron ese longo tempo silandeiro só se poden explicar con verbas como desazón, canseira ou esgotamento. Non resulta doado levar un blog, atender ás redes sociais, revisar o whatsapp, ler o correo electrónico, atender ás novas da prensa,…, especialmente cando -por moito que se pense o contrario- non contamos con asistentes que nos fagan ese traballo. Pero o certo é que, pese a todo, botaba de menos este contacto coa páxina en branco que agora tento comezar de novo.

A experiencia acumulada aconséllame facer cambios para facilitar o traballo. Este blog, “www.escoladeferrado.es”, estaba adicado exclusivamente, como ben sabedes os seguidores habituais, a temas educativos. Para o resto de temas tiña aberto un segundo blog, “www.guillermomeijon.es”, que agora procederei a pechar. Sen dúbida, unha das causas do esgotamento foi tratar de manter os dous blogs abertos.

Así pois, “escoladeferrado”, será a única xanela aberta para a comunicación con todos aqueles que teñades a ben dar unha volta por este espazo de reflexión persoal e onde a educación xa non terá a exclusiva. Non sei cando durará esta nova andaina, pero agora só penso en iniciar o camiño.

Beizón.

Postdata: Teño eliminado todas as entregas anteriores do blog. A segunda época de “escoladeferrado” comeza dende cero.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *