Trump: Unha bala non branquea, pero…

Comillas
Autor de la cita

«A vítima é o heroe do noso tempo. Ser vítima outorga prestixio, esixe escoita, promete e fomenta recoñecemento, activa un potente xerador de identidade, de dereito, de autoestima. Inmuniza contra calquera crítica, garante a inocencia máis aló de toda dúbida razoable. Como podería ser culpable, ou responsable de algo?»

Daniele Giglioli

Así reza esta cita de Daniele Giglioli tomada do seu ensaio “Crítica da vítima”. Nel, Giglioli fálanos do Principio da Victimización, aquel por o cal, na sociedade na que vivimos, a vítima transfórmase en heroe.

Vaian por diante, polo si ou polo non, as miñas palabras de condena ao atentado sufrido por Donald Trump, pero tal circunstancia, que todos os demócratas rexeitamos, non debese en ningún caso servir á causa do branqueo do candidato republicano e das súas políticas. Lamentablemente, Trump ben sabe para que pode servir unha bala e non perde oportunidade de usala no seu favor.

“Eu non tería que estar aquí esta noite. E se o estou é debido á graza de Deus”, dicía un Trump eufórico diante dunha multitude que non dubidaba en cualificar o frustrado atentado como “milagre” e “sinal divina”. Isto é, o milagre da vítima que se converte en heroe e, neste caso, nin máis nin menos que en enviado de Deus.

Permítanme que dubide moito que poida existir un Deus ao que lle faga graza que se considere como o seu enviado, como un novo mesías, a aquel que predica a desigualdade, o odio, a inquina ao inmigrante, o racismo, a defensa da posesión de armas, a violencia, as falsas noticias, os dereitos da muller, a deslexitimación da democracia, …

Difícil que pretenda ter a graza divina aquel que trata, co aval das grandes corporacións médicas privadas, de botar abaixo o “Obamacare”, a lei aprobada durante o goberno de Obama e reforzada por Joe Biden, un tímido inicio na liña dun servizo de saúde básico e universal.

Raro sería tamén o Deus que considere como o seu emisario a aquel cuxa principal iniciativa orzamentaria de calado foi un recorte de impostos para os multimillonarios e as grandes corporacións estadounidenses. Non nos estrañe que os empresarios de Silicon Valley, liderados por Elon Musk, apoien sen fisuras a candidatura de Trump.

Acollámonos ás últimas palabras de Giglioli, “como podería -a vítima- ser culpable, ou responsable de algo?”, e agardemos unha cidadanía que entenda que non se pode apostar por un irresponsable a quen ningunha bala pode branquear. Que a razón triunfe sobre o victimismo e -permítanme- sobre o fascismo rampante.

[Nota:A imaxe que ilustra este artigo é un fragmento da obra de Ben Longstroth xenerada mediante Intelixencia Artificial.]

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *