Hai recordos de infancia que quedan pegados á memoria como o chocolate ao xeado. Entre eles, un especialmente entrañable: aquelas fichas de cores que o caixeiro entregaba aos meus pais e que, como por encantamento, convertíanse en xeados ao chegar ao mostrador. Un pequeno ritual estival que marcaba a vida de moitas familias pontevedresas.
Rebuscando entre materiais e procuras dispersas por internet, apareceu ante min unha xoia inesperada: un exemplar do Diario de Pontevedra do 18 de xuño de 1936. Nel podíase ler un anuncio que, visto hoxe, ten un valor histórico delicioso:

««HELADOS Y REFRESCOS. “LA IBENSE” ofrece a su distinguida clientela sus riquísimos productos, helados y refrescos de todas clases, y el riquísimo BOMBÓN HELADO que esta temporada fabrica por primera vez en Pontevedra. HORCHATA DE CHUFAS. Se sirven a domicilio. Teléfono núm. 172.»
A frase clave está aí: “o riquísimo bombón xeado que esta tempada fabrica por primeira vez en Pontevedra”. É dicir, o bombón xeado cumpre na nosa cidade noventa anos. E non é pouca cousa.
Porque, se atendemos á historia xeral, o bombón xeado naceu nos Estados Unidos en 1921, cando o pasteleiro danés Christian Kent Nelson, ao ver a un neno indeciso entre pedir un xeado ou unha cunca de chocolate, ideou unha barriña de xeado recubrida de chocolate á que bautizou como “I Scream Bar”. O seu invento popularizouse rapidamente alén do Atlántico.
Pero o verdadeiramente interesante é que, apenas quince anos despois, Pontevedra xa tiña a súa propia versión artesanal grazas a “LA IBENSE”, unha das xeaderías pioneiras en Galicia e herdeira da tradición xeadeira levantina. A rede adoita situar a expansión do bombón xeado en España nos anos 40 e cualifícao como un “luxo accesible” nos veráns de posguerra. Con todo, o anuncio de 1936 demostra que Pontevedra se adiantou a esa tendencia.
Iso si, convén lembrar que aquel “luxo accesible” érao só para uns poucos. A maioría dos nenos conformábanse —e con sorte— cun cornete pequeno do xeadeiro ambulante, que percorría as rúas coa súa carga ao lombo ou empuxando un carriño.
E aínda hai outro detalle delicioso no anuncio: A Ibense xa tiña o seu propio “Glovo” en 1936. Bastaba con chamar ao teléfono 172 para recibir os xeados a domicilio. Un servizo reservado, está claro, aos pouquísimos que podían permitirse o luxo de contar cun teléfono en casa.
Termino cunha dúbida que quizá algún lector poida resolver: de que cor sería a ficha que correspondía ao bombón xeado? Ignoro se en 1936 xa se utilizaba en “LA IBENSE” o sistema de fichas de cores, pero sería bonito recuperar ese pequeno fragmento de memoria colectiva. Queda lanzada a invitación.