Europa e a estratexia Coelho: unidos ou de xeonllos

Non parece que sexan bos momentos para unha Unión Europea que aparenta quedar fóra da mesa na que Estados Unidos, Rusia e China toman as decisións que marcarán o futuro próximo do mundo.

Parecese que retrocedésemos trinta anos e volvésemos á época na que Kissinger Secretario de Estado de EEUU, declaraba aos xornalistas que “eu chamaría a Europa se alguén me dixese o número”. Isto é, á época dunha Europa inmatura, dividida, máis pendente cada un dos países que a compoñen de si mesmos que de conformar unha estratexia conxunta.

Diario de Pontevedra, 20/02/2025

Actualmente, ese mal crónico, esa división, vese reforzada por unhas forzas de ultradereita que en Europa exercen de monaguillos de Donald Trump ou de Putin e que pretenden dinamitar todo aquilo que puidese apontoar o obxectivo dunha Europa unida e coa fortaleza suficiente como para aparecer no mundo como protagonista principal e non como un mero actor secundario.

Os gobernos de progreso, coa excepción de España, están practicamente desaparecidos e a dereita clásica vive baixo o complexo das forzas ultra. Triste panorama para unha Unión Europea que navega sen temón e á expectativa dos ventos que lle sopren. O panorama é todo menos alentador.

A Unión Europea debería reler o libro de contos “Os Meus Amores”, de Trindade Coelho, editado no ano 1891. E, máis concretamente, o conto que pecha o libro: “Parábola dos Sete Vimes”. Esa lectura, sen dúbida, achegaralle a única estratexia posible coa que poder recuperar o seu lugar na xeopolítica actual.

Nese conto, Coelho narra o momento no que un pai, vendo chegar a hora da súa morte, fai reunir aos seus sete fillos e mándalles recoller a cada un unha vimbia seca. Unha vez cumprido o encargo, pídelle ao máis pequeno que vaia rompendo cada un das vimbias que trouxesen os seus irmáns, tarefa que o menor fixo sen ningún esforzo. Volveu o pai para solicitar aos seus fillos que fosen traerlle outra vimbia. Ao volver, o pai entrelazou as sete vimbias e dixo a cada un dos irmáns que partisen o feixe en dous. Ningún deles foi capaz. Nin sequera o irmán maior, o mozo máis forte de toda a aldea, conseguiu partir aquel feixe de sete vimbias.

A ensinanza é ben clara. Só unha Unión Europea que responda a tal nome, UNIÓN, terá a forza e solidez suficiente como para poder afrontar o papel pretendido na esfera mundial. De non ser así, esa Unión Europea, que no seu día foi exemplo do desenvolvemento no seu seo do Estado de Benestar, terá que seguir aguantando, estupefacta, como un valido de Trump, insulto tras insulto, pretende darnos leccións de principios, valores, ética e moral.

Só queda unha alternativa: ou unidos ou de xeonllos.

Nota final: Esa unión, para ser crible, tamén debese implicar a unión fiscal, a unión para combater a desigualdade, a unión para erradicar a pobreza,…

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *