Na miña recente intervención no Pleno1 do Congreso de Deputados, utilicei unha coñecida máxima da filosofía estoica que utiliza meu paisano, e afamado escritor, Manel Loureiro, na súa última novela titulada “La Puerta”:
«Nec Spe, Nec Metu»
Esa máxima, «Nec Spe, Nec Metu», cuxo significado literal é «Sen Esperanza, Sen Medo», e que recoñezo tiña esquecida –grazas Manel-, entendín que encaixaba perfectamente co momento político presente e ao debate no que tiña que intervir en referencia ao Real Decreto-lei que ampliaba os plazos das medidas implementadas polo goberno de Pedro Sánchez para paliar os efectos da COVID-19 nos sectores máis vulnerables da poboación.
Transcribo esa parte do meu discurso :
O meu paisano, Manel Loureiro, gran escritor, na súa última novela, «A porta», fai uso dunha coñecida máxima da filosofía estoica: «Nec Spe, Nec Metu». Sen esperanza, sen medo, unha máxima —créanme que o sinto así— que entende e reflicte moi ben o momento presente e o sentir de moitos de nós. «Nec Spe», sen esperanza, sen esperanza de contar cunha oposición que estea á altura do momento presente, pero —téñano claro— «Nec Metu», sen medo, sen medo por parte do Goberno e sen medo por parte deste grupo parlamentario de adoptar as medidas necesarias para unha recuperación xusta, porque se non é xusta, non é recuperación.
A semana pasada, nunha hora libre que atopei en Madrid, achegueime a Feira do Libro e alí merquei o texto de Andrea Köhler, «O tempo agasallado». Un delicioso libro no que autora, como reza na contraportada, trata de “facernos ver que a espera é, seguramente, a máis fundamental das vivencias humanas”. E nas primeiras páxinas atopeime cunha frase que ben poidera introducir no meu discurso, a carón da cita estoica empregada por Manel Loureiro. Esta é a frase:
«Mais toda espera convírtese en falta se nos quedamos en mera posibilidade»
Unha cita que completa a máxima estoica, no sentido de que se a espera tradúcese en parálise, se a espera provoca a inacción, estariamos cometendo unha falla importante. Xa que logo, dota de sentido a que da perda de esperanza, Nec Metu, non pode derivarse o medo a actuar, non podemos instalarnos nunha esperanza que espera permanentemente. Polo tanto, debemos respostar co Nec Metu, sen medo a actuar, especialmente en tempos como o presente, no que é preciso implementar de forma urxente medidas que permitan atender á poboación máis vulnerable, mesmo asumindo o risco de equivocarnos.
Sen dúbida, a maior equivocación sería asumir a Política de Inacción como resposta. Algo que, nin dende o goberno de Pedro Sánchez, nin dende o Grupo Parlamentario Socialista, estamos dispostos a aceptar.
Deixo aquí o vídeo coa miña intervención completa:
1 Sesión Plenaria celebrada o 13 de setembro de 2021