O planeta adel-GAZA: 21 gramos de indiferenza

Na obsesión da humanidade por medir o inmedible, o doutor MacDougall, en 1901, deseñaba e executaba un experimento para comprobar o peso da alma humana. Para iso, tratou de medir con precisión a diferenza de peso de moribundos nos instantes inmediatamente anteriores e posteriores á súa morte. Como resultado desa absurda e deostada “investigación”, que hoxe sería clara gañadora dun Premio Ig Nobel, concluíu que o peso da alma era de 21 gramos.

Diario de Pontevedra, 28/04/2025

Como contraste, MacDougall tamén se ocupou de realizar o seu experimento con animais que, ao non ter alma como todos sabemos, non mostraron diferenza de peso algunha entre o antes e despois do seu último alento.

Dando por bos eses 21 gramos, que sucede cando a morte non é un evento único e silencioso, senón un estrondo colectivo que sacode a Terra?

As cifras do xenocidio de Gaza, achegadas polas autoridades gazatíes, fálannos de máis de 50.000 persoas que perderon a súa vida desde o inicio do conflito. De ser certa a teoría de MacDougall, o noso planeta perdería 1.050 quilos de peso.

Se nos imos a Ucraína, atopámonos co dato de que 13.000 civís ucraínos perderon a súa vida desde o inicio da invasión rusa. Esta cifra de mortos provocaría unha perda de 273 quilos de peso.

Se revisamos o Índice de Paz Global, elaborado polo Instituto para a Economía e a Paz, na súa edición do ano 2024, atopámonos que, no conxunto de conflitos bélicos existentes no planeta, o número de persoas que perderon a súa vida no ano de referencia foi de 163.000. Esta cifra representaría unha perda de 3.423 quilos polo abandono de tantas almas dos seus corpos.

Pero hai unha guerra que causa moitos máis mortos: a fame. Segundo informes de Nacións Unidas, a fame aguda alcanzou a máis de 280 millóns de persoas en 59 países en 2023. Ademais, é causa do 45% das mortes en nenos menores de 5 anos.

Se cada alma ten o seu peso, entón Gaza, Ucraína, o conxunto de todas as guerras, a fame, deberían desprazar o eixo do planeta. E, con todo, o mundo segue virando e apenas se cambalea por un instante antes de retomar o seu curso rutineiro. Mentres, nós contemplamos indiferentes o espectáculo a través dos distintos medios de comunicación.

Se 21 gramos representan a alma, canto pesa a indiferenza?

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *