Trump: Facer bo a Herodes

Viviamos nós no segundo, e os meus tíos no primeiro. Cando chegaba decembro, os meus curmáns montaban un Belén que, desde a miña perspectiva infantil, era monumental. Nel, sobre unha montaña de pedras e musgo, alzábase o castelo de Herodes, feito de cartón pedra e mala fama.
Cada día baixaba a casa dos meus curmáns para seguir o avance dos camelos dos Reis Magos. Vixiaba que non cometesen o erro de confiar en Herodes, ese rei cuxa única finalidade era matar o neno Jesús. Para iso, necesitaba que os Magos lle chivaran o lugar exacto do nacemento. Pero os Magos, que por algo eran meigos, chegaban sempre puntuais ao portal de Belén… e, maxia!, tamén á miña casa.

Herodes, frustrado por non recibir ningún WhatsApp con coordenadas GPS, ordenou matar a todos os homes menores de dous anos nados en Belén. Un infanticidio en toda regra. (Se len isto en voz alta, digan “infanticidio” ben clarito, non sexa que alguén entenda “xenocidio” e o denuncie).
Pois ben, Trump parece querer gañarlle a partida a Herodes. Non como cómplice, senón como protagonista. Un infanticida en toda regra, pero sen sangue nas mans -que non é cousa de mancharse-.
Porque se algo sabe facer o novo Herodes é sinalar co dedo. Non cara ao pesebre, senón cara á nai.
A febre, que antes era síntoma, agora é sospeita. E o paracetamol, que antes era alivio, agora é pecado. Tomaches algo? Non tomaches nada? Consultaches? Arriscáchesche? Pensaches no neno? Pensaches demasiado en ti?
Así, entre titulares alarmistas e estudos a medio cocer, instálase a dúbida. E coa dúbida, a culpa. Porque atender a febre pode ser perigoso. Pero non atendela, tamén. E nese limbo de decisións imposibles, algunhas nais perden máis que o soño e instálanse na ansiedade culpable.
Pero claro, iso non mancha as mans. Só o historial clínico.
Herodes, polo menos, tiña estilo. Un castelo, unha corte, unha orde sanguenta. Trump, en cambio, faio en rolda de prensa, con sorriso de teletienda e bata de laboratorio prestada.
Xa non fai falta espada nin decreto, basta con estatísticas sacadas de contexto, análises manipuladas, estudos silenciados e conclusións científicas obtidas baixo tortura. Trump, o novo Herodes, pasea a súa estampa de vendedor de crecepelo polos estudios sen sangue nas mans, pero o algoritmo ben afiado, a modo de fino estilete que non deixa pegada na autopsia.
E se todo isto non lle dá resultado e o neno Jesús fóra a nacer hoxe, Trump ten o seu Plan B ben montado: fóra vacinas!
Debo recoñecerlle a Herodes a gallardía de asinar as súas ordes. Trump limítase a suxerilas e deixar que o medo pulse o clic mortal.