Sabiades que Feijóo e Vázquez renunciaron a 2 millóns de euros no Proxecto ABALAR?
Sabiades que o MEC tivo que reducir en 1 millón de euros a súa aportación para Galicia porque Feijóo e Vázquez así llo pediron?
Non estamos a falar de cuestións opinativas. Estamos a falar de datos fácilmente contrastables. Basta con recurrir ao Boletín Oficial del Estado (BOE) para atopar o seguinte:
BOE do 5/08/09: Nel podemos observar que a aportación que o MEC tiña previsto conceder a Galicia era exactamente de 5.701.300 euros.
BOE do 29/03/10: No que se recolle o texto do convenio entre o MEC e a Xunta de Galicia do 23/12/09. Aquí vemos que a cantidade aportada polo MEC quedou reducida finalmente a 4.000.000 de euros.
Cal foi a razón desta redución? Moi fácil: Núñez Feijóo e Jesús Vázquez.
Como ben sabedes, e así o expliquei no anterior artigo sobre este mesmo tema, este programa desenvólvese a través de convenios entre o MEC e as CCAA nas que cada unha das partes aportan o 50% da cantidade total. Pois ben, como Feijóo e Vázquez non quixeron aportar máis de 4 millóns de euros, o MEC tivo que reducir a súa cantidade inicialmente prevista para Galicia en máis de 1 millón de euros. Lóxicamente o MEC non podía ter con Galicia un comportamento distinto que co resto das CCAA.
E así pasou o que pasou. Dun programa que podía contar -en números redondos- cunha suma de 10 millóns de euros (5 millóns do MEC + 5 millóns da Xunta), quedamos cun programa que finalmente contou con 8 millóns de euros (4 millóns do MEC + 4 millóns da Xunta).
Non está de máis recordar que a Consellería de Jesús Vázquez deixou sen executar no ano 2009 máis de 60 millóns de euros.
Ou tamén apuntar que Núñez Feijóo e Jesús Vázquez non tiveron problemas para atopar cartos para: o cambio de imaxe das escolas de 0-3 anos (as galiñas azuis), para facer os inservibles inquéritos sobre a lingua galega, para a promoción do novo e imposto decreto de galego (1 millón de euros), perto de 400 millóns de euros de sobrecusto na adxudicación da autovía da Costa da Morte, 4 millóns para actividades paralelas á visita papal todavía sen explicar ou 10 millóns de euros en libros de texto que é preciso tirar ao lixo e sustituilos cando todavía tiñan vixencia. Por non falar das cadeiras para a biblioteca do Gaiás (máis de 500 euros cada unha), dos 10 millóns de euros gastados en adquirir por leasing ou renting arredor de 500 novos vehículos, etc., etc.