O tirano, segundo define o dicionario da RAE, é aquel que obtén contra dereito o goberno dun Estado, especialmente se o rexe sen xustiza e a medida da súa vontade. Unha definición que, sen dúbida, queda curta nuns tempos nos que hai quen, aínda partindo de eleccións que debemos considerar democráticas, pretenden gobernar “sen xustiza e a medida da súa vontade”.
Trump e o seu desprezo pola lei e a xustiza, pola orde internacional e as institucións democráticas de dentro e fóra do seu país, impoñendo a súa vontade como “palabra de Dios”, é o máximo expoñente do que poderiamos chamar “tiranía posmoderna”.

O tirano de hoxe xa non necesita tanques para tomar o mando. Nun contexto en que a ideoloxía fascista pretende recuperar todo o seu vigor, acompañada polo poder económico e o control de medios de comunicación e redes sociais, xa non é condición necesaria o uso da forza e das armas para alcanzar o poder.
E aquí vén a conto lembrar un dos aforismos que, fai uns 500 anos, Francesco Guicciardini deixou escrito no seu libro “Ricordi politici e civili”:
«O morteiro que mantén unido ao Estado do tirano é o sangue dos cidadáns. Que todos se esfuercen por non construír tales edificios na súa cidade».
As guerras actuais son a crúa evidencia do uso do sangue como ese morteiro que ancora ao tirano á súa cadeira de brazos. Pero non esquezamos que hai outros moitos procedementos menos visibles -aínda que igualmente letais- de facer sangrar a unha sociedade.
Se queremos, como di Guicciardini “que todos se esforcen por non construír tales edificios na súa cidade”, debemos ter en conta esas outras formas de sementar sangue e morte.
A literatura científica é abundante e diáfana: recortar e precarizar a Sanidade Pública incrementa as taxas de mortalidade. Reducir o investimento en Educación Pública implica un menor nivel educativo dun país e unha menor esperanza de vida.
Son evidencias sólidas e contrastadas que nos indican que reducir o investimento en educación e sanidade provoca efectos graves sobre a nosa saúde, empeora a nosa calidade de vida e diminúe os nosos anos de presenza neste mundo.
Por iso, aqueles que pretenden substituír o investimento en educación e sanidade por gasto en armamento terían que render contas ante a ética pública. E, sobre todo, deberían atopar a nosa resposta cívica.
Tampouco esquezamos que privatizar os servizos públicos esenciais tamén implica recortar e precarizar. As consecuencias están sobradamente documentadas.
Que o noso sangue -e os nosos votos- non alimenten aos novos tiranos. Están en xogo as nosas vidas.