Por desgraza, non falamos de cifras aleatorias nin tampouco de décimos de lotería. Son cifras que nos reflicten o lado máis escuro dun sistema que outorga privilexios con precisión de cirurxián e condena a equidade sen o máis mínimo pestanexo.
O 1% máis rico do planeta viu crecer a súa riqueza media 2.655 veces máis que a metade máis pobre. E os países con maior desigualdade teñen 7 veces máis probabilidades de sufrir un colapso democrático. E non, non é casualidade. É causalidade, fría causalidade.

O 2.655 representa unha obscena multiplicación da riqueza. Así o indica o «Informe Global sobre Desigualdade 2025». O 1% máis rico viu como as súas arcas crecían cara ao infinito multiplicando a súa riqueza 2.655 veces máis que o 50% máis pobre da poboación mundial. E estariamos cegos se só percibísemos esta enorme brecha desde o punto de vista económico, porque esa cifra representa tamén a maior concentración de poder económico e político que endexamais se viu no planeta.
E isto, repetimos e insistimos, non sucede por casualidade, senón por causalidade. Ou se o prefiren, como se indica no Informe, “a desigualdade é unha elección política” e, por tanto, “pode reverterse con vontade política”. Permítanme corrixilo para que quede así: “pode E DEBE reverterse con vontade política”.
E agora demos entrada no xogo ao 7, que leva tempo quecendo na banda. Porque ese número indícanos que, naqueles países con maior nivel de desigualdade, a probabilidade de sufrir unha deterioración democrática é 7 veces maior que se gozasen dun grao razoable de equidade.
As razóns son obvias e os seus efectos xa os podemos sentir no noso país. Porque a desigualdade é o mellor caldo de cultivo para provocar unha gran erosión á democracia. A desigualdade mina a confianza nas institucións e na política, provoca desafección sobre o público e estimula o ascenso de liderados autoritarios e populistas.
Díficil manter e defender un sistema democrático sen unha base de prosperidade compartida. A maior desigualdade, maior declive democrático.
O estudo anteriormente citado, coordinado polo Premio Nobel en Economía Joseph Stiglitz, propón a creación dun Panel Internacional sobre a Desigualdade para monitorear e propoñer políticas globais de redución da desigualdade. Pero iso non basta, a nada se chegará sen unha presión cidadá, medios críticos e vontade política para levalas a cabo.
2.655 e 7 non son números extraídos ao azar dun bombo do sorteo do Nadal. E, se así o fosen, só sinalarían unha lotería na que os premios sempre recaen nas mesmas mans. É urxente cambiar as regras de xogo.