Golpe de Estado á Educación.- Gerino, Paulo e Les Luthiers.

En setembro do ano 1975, comezaba os meus estudos na Escola de Formación do Profesorado de EGB de Pontevedra. Nese tempo, aínda vivía -por pouco tempo- o dictador Francisco Franco, podíase ingresar nestes estudos coa selectividade suspensa e ata sen facela, algo do que me decatei no momento de matricularme e ver que rexeitaban -por innecesario- o meu xustificante de tela aprobado. Esa foi a miña primeira sorpresa, a mensaxe -nada subliminal- do réxime, para ser mestre valía calquera.

Gerino Calvo Maquieira

No primeiro curso de carreira, na materia de Pedagoxía, tivemos a fortuna de atoparnos a un novo profesor, Gerino, que foi, sen dúbida un referente na nosa formación, xunto a profesores como Cifuentes ou Maribel que nos impartirían clases nos seguintes cursos.

Non toca hoxe desgranar o meritorio devir profesional do noso profesor, porque o que pretendo é apuntar que foi Gerino o primeiro en conectarnos coas correntes e autores máis progresistas da Pedagoxía, e, de entre todos eles, non quero hoxe esquecerme dun autor e dun libro: Paulo Freire e “A Pedagoxía do oprimido”.

Para moitos de nós foi todo un feliz descubrimento ver o rigor -nada exento de paixón- con que Gerino desvelábanos as principais teses do educador brasileiro: Pedagoxía da Liberación fronte ao modelo de Educación Bancaria, o método dialóxico fronte á opresión. E -que ben soaba naqueles anos- que os educadores -Paulo Freire dixit- debían adoptar no seu oficio unha postura revolucionaria. A todo iso, Gerino sumaba un proceso de reflexión e diálogo coa realidade galega, especialmente do seu rural.

Poderían preguntarse a que veñen estes recordos, pero de seguro que o adiviñaron. A clave é a situación actual do Brasil de Bolsonaro en materia educativa. Para iso, basta con dar unha ollada ao xornal digital “o diario da educación” e ler a noticia que publicaron fai uns días baixo o título: “Militarizar as escolas e acabar co legado de Freire: Bolsonaro pon en marcha os cambios na Educación de Brasil”.

Sofía Freire, neta de Paulo Freire, recordábanos, nun recente artigo titulado “Bolsonaro quere erradicar o legado do meu avó”, o seguinte:

Bolsonaro propuxo entrar cun “lanzachamas” ao ministerio de Educación para erradicar ata o último vestixio que nos deixou o meu avó. Quere anular o pensamento crítico e o traballo grupal. A crise educativa en Brasil é un proxecto político: unha educación de calidade, consciente e liberadora sería unha gran ameaza para a clase dominante dun dos países máis desiguais do mundo. O ensino público vén, dende a profundización do neoliberalismo co golpe de Temer en 2016, pasando por un proceso de desmonte, que se profundará con él no poder: as súas propostas non son conexas, claras ou estructuradas. O que si se pode entender das súas declaracións é que encara esta área tan fundamental para o desenvolvemento da sociedade como unha mercancía máis na súa lóxica privatizadora”.

Un Bolsonaro que, poderiamos dicir, nomeou ministro de Educación a Ricardo Vélez por influencia astral, pois medios brasileiros sinalan que o seu valedor foi Olavo de Carvalho, astrólogo e ensayista ultraconservador moi influyente no mundo de la ultradereita que vive actualmente en Estados Unidos.

O que estamos falando non é algo que mova precisamente á risa, pero creo que aquí -o humor intelixente nunca sobra- ben vale a pena recordar a Les Luthiers e o seu tema “Suite dos noticiarios latinoamericanos”:

“Actualidade latinoamericano:
O presidente da irmá república de Feudalia, mariscal Manuel Anzábal, toma o xuramento de práctica a novos ministros, nunha cerimonia que se leva a cabo no circo estatal @capitalino.
Xuran os novos ministros:
– De Saúde Pública: xeral Roberto Frelloni
– De Agricultura: contraalmirante Esteban Rómulo Capdeville
– De Vías Navegables: brigadier Jorge McLennon
E de Educación e Cultura: cabo primeiro Anastasio López”.

Podedes velo neste vídeo, concretamente a partir do minuto 3:

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa un comentario