Si, en Davos, nese Foro deseñado e financiado polos ultrarricos do planeta, polos donos das grandes multinacionais e os CEOs dos fondos de investimento máis poderosos. Alí, todos eles puideron tomar a súa “ostraca” imaxinaria e escribir nela o nome do condenado ao ostracismo perpetuo: Zucman.
Zucman, economista francés e discípulo de Thomas Piketty, tivo a desgraciada idea —a ousadía— de defender un imposto global para os ultrarricos: un tipo mínimo do 2% para quen acumula fortunas superiores aos 100 millóns de euros. Un auténtico anatema nun lugar onde a mera mención de “impostos” ou “redistribución da riqueza” provoca sarpullidos instantáneos.

As razóns de Zucman non poden ser máis claras: un imposto que aumente a recadación fiscal e, sobre todo, a xustiza e a equidade. Un principio sinxelo de entender: quen máis posúe, máis debe achegar á casa común.
Segundo o informe «Resources for a Safe and Resilient Europe: The Case for Minimum Taxation of Ultra High Net Worth Individuals in the EU (European Tax Observatory, 2025)», a aplicación dun imposto mínimo do 2% sobre as grandes fortunas (superiores a 100 millóns de euros) xeraría en España unha recadación estimada de 5.200 millóns de euros.
Unha taxa que afectaría a non máis de 500 persoas no noso país, que teñen a “pequena desgraza” de posuír unha fortuna de máis de 100 millóns de euros.
Grazas a ese selecto grupo de compatriotas que, todos xuntos, apenas encherían un pequeno auditorio, poderiamos permitirnos —en números redondos— algún destes modestos “luxos”:
-Incrementar en 100.000 o número de profesores de Educación Primaria. Ratios do século XXI, atención á diversidade, inclusión, desdobres reais, reforzos educativos, …
-En Sanidade, contratar preto de 60.000 médicos, incrementar nun 40% o persoal actual, acabar coas listas de espera, dar tempo para as consultas… unha auténtica romaría de batas brancas.
Poñan a funcionar a súa imaxinación e calculen outros exemplos aos que dedicar eses 5.200 millóns. Asegúrolles que dan para algo máis que para saír dun “apurillo”. Non vale facer caso a Trump e gastarllo todo en mísiles.
Volvamos a Davos. Os que acoden alí saben perfectamente quen paga a festa. Unha festa —“la bien pagá”— que lles permite manter unha arquitectura fiscal xeradora de desigualdade e inxustiza. As democracias, en xenuflexión ante o poder da riqueza.