Falando de PISA: en Educación sí que hai mal que cen anos dure.-

Fago esta entrega como unha modesta aportación ao artigo “El PISA de hace siglo y medio” reseñado na entrega anterior de escoladeferrado. Xa que logo, compre convidarvos a ler primeiro ese texto da autoría de José Saurnino, coa seguridade de que quedaredes satisfeitos coa súa lectura.

Concretamente, pretendo referirme á parte do artigo que indica a correlación existente entre os resultados PISA e as taxas de alfabetización en España. Un percorrido ao longo da súa historia en comparación co resto de países de Europa e mesmo entre Comunidades Autónomas.

Vexamos esta primeira gráfica:

analfabetismo-europa-1850

Creo que sobran as palabras. España achégase á cifra do 45% de homes alfabetizados 225 anos despois de Francia e Inglaterra. En Suecia, a primeira campaña de alfabetización data do s.XVIII, a primeira que se fai en España digna de tal nome non se produce ata o ano 1963, arredor tamén de 200 anos máis tarde. E podemos ver a gráfica do analfabetismo en Europa no ano 1850 para contrastar que en España superabamos a cifra do 50% xunto cos países do sur de Europa.

Pero podemos seguir:

analfabetismo-finlandia-espana

Finlandia, con quen tan alegremente queremos compararnos, resulta que no ano 1900 tan só contaba cunha taxa do 5% de analfabetismo. En España, no ano 1978, ano da aprobación da Constitución, tiñamos un 25% de analfabetos funcionais e un 80% de abandono escolar. Non cabe dúbida que nas dúas gráficas está presente a influencia da relixión, recordemos que a Reforma de Lutero implicaba a lectura da Biblia por parte dos fieles, do cal se derivaba a necesidade de ensinar a ler a todos eles.

Vexamos agora o panorama entre Comunidades Autónomas:

analfabetismo-ccaa

Podemos observar como, grosso modo, que son as CCAA do norte as que presentan as taxas máis baixas de analfabetismo e con pequenas variacións ao longo do período de case 100 anos que amosan as gráficas. Pola contra son as CCAA da metade sur e do arco mediterráneo as que reflicten as taxas máis altas. En palabras de José Saturnino: “El rendimiento en lectura mantiene una inercia de un siglo y medio, o dicho de otra forma, las tasas de alfabetización son el PISA de hace siglo y medio”.

Certo é, como `ben sinala José Saturnino, que a correlación das taxas de analfabetismo cos resultados PISA das CCAA non indica unha correlación do 100%, pero sí un grao suficiente como para pensar, como reza o título desta entrega, que en Educación sí hai mal que cen -ou máis- anos dura.

Deixo aquí a táboa elaborada por EL PAÍS sobre os resultados PISA-2015 por CCAA por se alguén non os ten frescos.

pisa2015-resultados-por-ccaa

“Se pasásemos as puntuacións PISA a estatura (mediante normalización), é como se a media estivese en 170, e cando pasamos de medir 169 a 171 nos alegrásemos de ter pasado de ser ananos a xigantes…”.

Grazas por compartilo nas túas redes:

1 comentario en “Falando de PISA: en Educación sí que hai mal que cen anos dure.-”

Deixa un comentario