Do incendio ao check-in: viaxe ao corazón do cinismo

En Galicia, o lume non só devora bosques. Tamén consome a paciencia dos viaxeiros, a dignidade do transporte público e a decencia de quen ve na desgraza allea unha oportunidade de negocio. Mentres os montes de Ourense arden entre A Mezquita e A Gudiña, o tren detense, o fume instálase nas estacións baleiras, e os pasaxeiros miran ao ceo buscando unha saída. Atópana, si, pero a máis de 400 euros.

«A traxedia cotiza á alza. A dor ten prezo. E mentres Galicia quéimase, alguén sorrí fronte a unha pantalla.»
Todos puidemos ler na prensa como o traxecto entre Madrid e Santiago de Compostela, que apenas un día antes custaba pouco máis de 100 euros, chegou a superar os 400. Catro veces máis. Catro veces o prezo, catro veces a indignación.
Montes que arden coma se o mismísimo Belcebú decidise facer turismo rural en agosto. O mes en que os corpos súan, os trens se evaporan e os prezos dos voos dispáranse como foguetes da NASA rumbo á estratosfera do capitalismo salvaxe.

As aerolíneas, que deberían actuar como servizo complementario en momentos de emerxencia, optaron pola especulación. Non hai filtros, nin controis, nin topes tarifarios. Só algoritmos que cheiran o medo e convérteno en marxe de beneficio. O viaxeiro que necesita volver a casa, ver a un familiar, ou simplemente continuar cos seus plans, vese atrapado entre o fume e a factura.
Unha historia que, por desgraza, non é nova. Xa a vivimos na pandemia, cando as máscaras vendíanse coma se fosen xoias, e os contratos públicos asinábanse en canellóns controlados pola mafia. O medo era entón o produto estrela, e os especuladores, os seus distribuidores. Hoxe, o lume tomou a substitución. E o mercado —como non! — sempre atento, respondeu coa súa lóxica implacable.
A traxedia cotiza á alza. A dor ten prezo. E mentres Galicia quéimase, alguén sorrí fronte a unha pantalla, vendo como as reservas soben e o gráfico tínguese de verde.
Non hai heroes nesta historia de viláns. Só pasaxeiros que cruzan o inferno, mentres o ceo énchese de cinza e os prezos de aire. E nesa fogueira das vaidades, arde a esperanza de que, algunha vez, o mercado puidese ter alma. Un mercado que hoxe nos ofrece o seu sorriso de check-in dixital e o seu algoritmo de prezos cheirando a pólvora.