Desmontando a Wert:
máis de 200 mil boas razóns

Políticas de becas, axudas ao estudo e prezos públicos universitarios

Duascentas mil boas razóns son as que xa aportaba a CRUE, a Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, no ano 2017, para que se procedera ao cambio do nefasto modelo de universidade que naceu da man do ministro de Educación, José Ignacio Wert, no tempo da maioría absoluta do presidente Mariano Rajoy.

Duascentas mil boas razóns que se corresponden co cálculo que figura no documento “A Universidade en Cifras 2015-16” e que fai referencia ao número estimado do alumnado prexudicado, ata ese curso, por causa do modelo imposto por Wert na universidade española. Así o reflectía a Cadena Ser nesta nova correspondente á presentación do devandito informe o pasado 9 de outubro de 2017.

Pulsade na imaxe para ver a noticia.

O cálculo da CRUE amosa que 70.000 estudantes por curso están sendo prexudicados dende a implantación do modelo de becas imposto polo dúo Rajoy-Wert no curso 2012-13.

Remarquemos que iso o dicían tomando como referencia o curso 2015-2016, polo cal os 200.000 estudantes resulta un número moi curto ao respecto do que resultaría se tomamos o conxunto de cursos onde este novo modelo estivo vixente.

Recordemos que a parte máis significativa do modelo Wert consistiu en elevar a un 6,5 a nota media necesaria para poder ser merecedor dunha beca, así como contar cun 5,5 para obter matrícula gratuita. Ademáis endurecía as condicións ao respecto dos requisitos académicos para manter a beca.

Wert mudaba así o obxectivo principal das becas e axudas ao estudo, que non é primar a excelencia académica, senón tratar de eliminar as desigualdades sociais de partida.

No mesmo informe, a CRUE facía referencia a outro tema non menor: os prezos públicos universitarios. Prezos públicos que foron obxecto de fortes subas con motivo da aprobación do tristemente famoso Real Decreto Ley 14/2012, de 20 de abril, de medidas urgentes de racionalización del gasto público en el ámbito educativo, con que o goberno de Mariano Rajoy iniciou os grandes recortes no Sistema Educativo Público. Nese Real Decreto, Wert implantaba as famosas horquillas de prezos que provocaron grandes incrementos nos prezos das matrículas e grandes desigualdades entre comunidades. Unha fórmula que tiña como único obxectivo responder aos recortes orzamentarios aos que foron condenadas as universidades públicas. No informe podemos ler o seguinte:

Pulsade na imaxe para acceder ao documento.

“España ten un dos niveis de prezos públicos universitarios máis elevados da Unión Europea”.
“Este proceso produciuse de manera discrecional e só pode explicarse polo carácter compensatorio ante as diminucións experimentadas polas transferencias correntes das correspondentes administracións educativas”.

La Universidad Española en cifras 2015/2016

Por falar de cifras, no curso 2011-12, a cuantía media das becas universitarias era de 2.331€, no curso 2015-16 esa cantidade baixara a os 1.748€, unha redución de 583€. Se temos en conta a financiación media por becario, a redución estaría próxima aos 600€.

De ahí que sexan motivo de satisfacción os pasos dados polo goberno de Pedro Sánchez, e dos ministros de Educación e de Universidades, Isabel Celaá y Manuel Castells, que tratan de iniciar o camiño a un sistema de axudas e becas más xusto e solidario.

Pulsade na imaxe para acceder ao texto completo.
Pulsade na imaxe para acceder ao texto completo.

Angelina Costa, boa amiga e portavoz de universidades do Grupo Parlamentario Socialista (e a quen tiven o pracer de sustituir no cargo durante un breve período de tempo), dicíalle a Wert, en pregunta realizada no 2013, o seguinte:

Señor ministro, a vostede sóbranlle universitarios, vostede quere que sexan menos as mozas e mozos que cheguen á universidade, vostede quere quebrar, en fin, a equidade do noso sistema educativo. A tal fin responde o acceso previsto na súa lei e a elo responden tamén a subida de prezos e a brutal rebaixa das becas.

Angelina Costa

Sabemos que non está todo feito, que o novo modelo é perfectible, pero os pasos dados están a camiñar, en tempos ben difíciles, na boa dirección.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *