Hai despedidas que se escriben coa gratitude de quen se sabe afortunado polo camiño compartido. Despedir a Antón Louro é, para min, despedir a un mestre, a un amigo e ao home que me precedeu nas bancadas do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados.
En política existen os perfís de xestión e os perfís de humanidade; Antón habitaba ambos cunha naturalidade asombrosa. Sempre que me tocou intervir nos espazos que el antes ocupara, atopeime cun fenómeno pouco común nestes tempos: unha receptividade unánime.

As múltiples chamadas que recibín de amigos comúns, compañeiros e adversarios dan boa conta da súa bonhomía, do respecto e a admiración que espertaba a súa persoa.
O nome de Antón Louro era, e segue sendo, unha chave que abre portas, porque sempre foi sementado con respecto, con proximidade e con esa elegancia intelectual que non necesita alzar a voz para convencer.
Figura clave do socialismo galego e ponte entre xeracións, Antón Louro encarnou unha maneira serena, dialogante e elegante de entender a política e o servizo público. Coa despedida de Antón Louro vaise un socialista leal, un servidor público respectado e un home que deixou amigos alí onde a política a miúdo só deixa trincheiras.
Compartía Antón con Alfredo Pérez Rubalcaba esa vella e nobre escola das “boas formas”. Ambos entendían que a política é, ante todo, a arte de tender pontes alí onde outros só ven abismos. Por iso, ao lembralo hoxe, vénme de inmediato á memoria o mesmo que lle dixen á muller de Alfredo cando este deixounos: sérveme, palabra por palabra, o título daquel bolero, “Contigo aprendín”.
Contigo aprendín, Antón, que se pode ser firme nas conviccións sen perder o sorriso; que a lealdade a unhas siglas non impide o recoñecemento ao de en fronte; e que o éxito público non vale nada sen o refuxio do privado. Nese equilibrio, sen dúbida, o papel da túa familia tivo un gran protagonismo desde a discreción e o apoio constante, algo que sempre compartimos nas nosas conversacións.
Grazas, Antón, polo camiño trazado, pola xenerosidade na substitución e por ensinarme que, nesta profesión, a maior vitoria é poder mirar atrás e ver amigos onde outros só ven siglas.
Ata sempre, mestre.