Ante o rexeitamento clamoroso da comunidade universitaria, das organizacións sindicais e das forzas políticas do arco parlamentario galego (obviamente salvo o PP), a Xunta de Galicia de Núñez Feijóo veuse na obriga de retirar o seu “Programa de Transformación á Docencia Innovadora no Sistema Universitario Galego” co cal, e aproveitando a crise da COVID-19, pretendía impor un novo modelo ao Sistema Universitario do noso país. Un documento que sen dúbida merecería un cambio de denominación: Programa de Transformación á Indecencia.
Un programa realizado pola porta de atrás, encargado a entidades privadas e, o que máis doe, desprezando a intelixencia e o talento propio das nosas universidades coas que en ningún momento se contou, siquera para pedir opinión. E por se fora pouco, un documento de moi escasa calidade.
O cambio de modelo promovido pola Xunta de Galicia provocaría que as tres universidades galegas diminuiran nunha alta porcentaxe a docencia presencial a favor da ensinanza virtual nun intento por desvirtuar o carácter presencial como seña de identidade das nosas universidades públicas. Semella curiosa esa actitude dunha Xunta de Galicia que promove e facilita a creación de universidades presenciais privadas.
A rotunda oposición da comunidade universitaria (docentes, alumnado, órganos rectores,…), a inaceptable inxerencia na autonomía universitaria, provocou que Feijóo tivera que ordenar a retirada inmediata do seu plan. A resposta dos rectores foi inmediata, presentando un Plan de Impulso e Consolidación das Competencias Dixitais como apoio á Docencia Presencial, unha resposta consensuada das tres universidades nas que ponse o acento no carácter inequívocamente presencial das universidades públicas, combinado, un réxime presencial que “resulta compatible coa incorporación de xeito estrutural de solucións non presenciais que están chamadas a xogar un dobre papel: por unha banda, como complemento da actividade presencial en situacións de normalidade; por outra, como solución excepcional diante de situacións extraordinarias, como o confinamento vivido neste curso 2019-2020”.
Témonos que felicitar pola victoria da comunidade universitaria conseguindo a retirada do Plan Feijóo. Un plan que, repito, destilaba desprezo polo talento e a intelixencia dunha univesidade que xa estaba no camiño da dixitalización, que tivo que afrontar de forma inmediata o confinamento provocado pola pandemia e que traballa arreo planificando o vindeiro curso ante o que poida acontecer. Por certo, nun marco de recortes e de falta de financiación provocada polas políticas do Partido Popular de Feijóo.
A análise de propostas deste calado debe facerse co rigor, colaboración e consenso que caracteriza á universidade e así o defenderemos
Julio Abalde. Rector UDC
A incorporación de melloras no eido tecnolóxico pode e debe potenciar unha ensinanza presencial que pode adaptarse a un contexto excepcional temporal pero que non vai mudar, nin debe, a súa vocación de presencialidade
Antonio López. Rector USC
[un novo plan que visualice] o papel importantísimo que a presencialidade xoga nas universidades galegas
Manuel Reigosa. Rector UVIGO