Formación Profesional: o que din vs. o que agochan

SI, os socialistas tamén cremos que se debe impulsar máis una FP Dual que actualmente cursa menos do 1% do alumnado de Formación Profesional. Pero votamos cun rotundo NON a unha cínica iniciativa do Partido Popular que solicita do goberno atender a só ese 1%, mentres pretende que nos esquezamos da precariedade, dos recortes, en suma, do proceso de xibarización ao que someteron ao 99% restante da Formación Profesional no noso país. Creo que a miña intervención no Pleno déixao ben as claras. Fronte a unha iniciativa inocua, que solicita o que o goberno xa comprometeu fai meses, nós ofreciamos unha enmenda global, un Plan Estatal de Impulso para TODA a FP, tamén para a Dual, cunha cantidade de 130 millóns de euros e en colaboración coas Comunidades Autónomas, por suposto o Partido Popular non a aceptou.

Deixamos tamén claro na nosa enmenda que a FP Dual necesita dunha análise rigorosa, dunha adaptación á nosa realidade socioeconómica e laboral, dunha reglamentación que teña en conta a súa complexidade e evite os riscos que ten a súa implantación, algúns deles denunciados polos sindicatos. E na miña intervención fixen tamén unha mención especial á FP Adaptada, algo que o goberno empéñase en deixar no caixón do esquecemento.

A continuación podedes ver dous interesantes gráficos que indican o expresado na miña intervención. No primeiro deles pode verse como a partir do ano 2015 crecen de forma importante os orzamentos para a Formación Profesional, pero é un orzamento aparente xa que inclúen unha partida de “Préstamos a Comunidades Autónomas” que se corresponden co diñeiro que, en principio, aporta a Unión Europea para a implantación da LOMCE, concretamente da FP Básica. Por iso, desde o ministerio de Educación indicábanlle ás CCAA que non se preocupasen, que eses préstamos non terían que devolvelos, pagaría Europa.

Os dous gráficos reflicten esa realidade presupostaria, con e sen os fondos da UE. Neste último caso pode verse como no ano 2018, ano da gran recuperación económica, o goberno do Partido Popular inviste un 30% menos en FP que o goberno socialista no peor ano da crise económica, ano 2011. Isto é, 100,79 millóns de euros no ano 2011 contra 71,46 para o 2018.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa un comentario