proxecto ABALAR vs. Escuela 2.0 (I).- a perversión de Núñez Feijóo

Como a maioría sabedes, no Ministerio de Educación (MEC) naceu Escuela 2.0 como un programa que pretende, nun dos seus eixos estratéxicos, dotar de recursos TICs (Tecnoloxías da Información e Comunicación) aos alumnos e aos centros educativos: ordenadores portátiles para alumnos e profesores e aulas dixitais con dotación eficaz estandarizada. Un programa que se oferta a todas ás CCAA para que asinen, se así o queren, un convenio no que cada unha das partes aporta o 50% no desenvolvemento do programa.

Con Escuela 2.0, o MEC pretende, entre outros obxectivos, apostar “pola calidade do sistema educativo e tamén pola igualdade porque para un de cada tres alumnos nos últimos cursos de primaria, a escola é a única garantía de acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación. O Goberno é consciente que a penetración das novas tecnoloxías require dun apoio especial a determinadas zonas, como as área rurais, insulares ou lugares con baixa conectividade”.

A Xunta de Galicia asinaba o pasado 23 de decembro de 2009 o convenio co MEC para desenvolver na nosa comunidade o citado programa. O desenvolvemento en Galicia de Escuela 2.0 tomaba corpo a través do Proxecto ABALAR,  fórmula coa que a Xunta trataba, como valor engadido, de ocultar a participación do MEC.

A partir de ahí, nacía a perversión que Núñez Feijóo, actual Presidente da Xunta de Galicia, e  Jesús Vázquez, actual Conselleiro de Educación, tiñan agochada para este programa (e, por certo, para tantos outros).

Porque, o obxectivo do MEC de apostar pola igualdade, de tratar dende a escola de compensar as diferencias de acceso ás TICs tivo en Galicia unha tradución moi particular.

Unha perversión da que todos fumos conscientes cando advertimos as fórmulas torticeiras coas que se procedía á suposta elección dos centros que participan na primeira fase do programa. Porque para Núñez Feijóo e para Jesús Vázquez, a política compensatoria no acceso ás TICs significou en centros de Primaria un escandaloso e intolerable reparto a prol da privada concertada.

Permitideme unha pequena, pero significativa escolma da selección de centros de Educación Primaria nalgunha das nosas vilas:

A Coruña: 10 centros privados – 1 centro público

Lugo: 5 centros privados – 1 centro público

Ourense: 4 centros privados – 4 centros públicos

Pontevedra: 1 centro privado – 1 centro público

Vigo: 13 centros privados – 1 centros públicos

Santiago: 4 centros privados – 3 centros públicos

Ferrol: 5 centros privados – o centros públicos

Vilagarcía: 1 centro privado – 0 centros públicos

Culleredo: 3 centros privados – 1 centro público

Cangas: 2 centros privados – 1 centro público

Concellos onde únicamente se lle concedeu a un centro privado e a ningún público: A Rúa – Noia – Santa Comba – Fisterra – Oleiros – Bueu – Caldas – Marín – Sanxenxo – Silleda – Soutomaior – Foz – Sarria – A Guarda – Ponteareas

Feijóo e Vázquez pretenden confundir indicando que temos que ver o conxunto do reparto e así pretenden que teñamos en conta que, sumando ao reparto os centros de secundaria, a proporción público-privada corresponderíase coa realidade numérica das redes actuais de centros. Pero non enganan a ninguén.

A selección dos centros de Educación Primaria é fundamental xa que establece un valor engadido que sen dúbida pesará na decisión de moitos pais e nais á hora de matricular aos seus fillos e fillas nun ou noutro centro. Valor engadido que, sen ningún pudor, cae do lado da rede privada concertada.

Por outro lado, e non menos importante, a escola debe ter necesariamente un papel compensatorio. Non se trata de porcentaxes de centros dunha ou doutra rede de centros. Trátase de compensar desigualdades. Un sistema educativo de excelencia debe conxugar  calidade con equidade. Porque, como todos sabemos, calidade sen equidade ten un nome ben distinto: elitismo.

Para os que queiran afondar máis, deixo estes enlaces:

Convenio MEC-Xunta de Galicia.- http://www.boe.es/boe/dias/2010/03/29/pdfs/BOE-A-2010-5176.pdf

MEC – Presentación Programa Esuela 2.0.- http://www.educacion.es/horizontales/prensa/notas/2009/09/escuela2p0.htmlProf

Escuela 2.0: moito máis que un portátil por alumno. Entrevista a Eva Almunia.- http://www.tecnologiayeducacion.com/articulos/pdf/002almunia.pdf

Proxecto ABALAR.- http://www.edu.xunta.es/web/node/577

Deixa un comentario